Luís Pérez Barral lembra que Ribeira leva corenta anos agardando por solo industrial e asegura que o BNG estará vixiante para que Xestur execute o proxecto coa máxima celeridade.
O BNG valora o anuncio da Xunta de iniciar, antes de que remate 2026, o proceso de licitación do novo polígono industrial de Pedras Vermellas. Para a formación nacionalista, este paso confirma que a solución que sempre defendeu o BNG era a correcta: que a Xunta, a través da empresa pública Xestur, asumise o impulso e a execución dunha infraestrutura estratéxica que Ribeira non podía afrontar en solitario cos seus recursos municipais.
O exalcalde e portavoz municipal, Luís Pérez Barral, argumentou que “o tempo acabou dándonos a razón. A Xunta está asumindo agora a fórmula que o BNG defendeu desde o primeiro momento e que durante o anterior mandato se negou a aplicar por interese partidista. O importante é que se vai dar un paso adiante, pero tamén imos vixiar que non volvamos quedar nun anuncio ou nunha promesa electoral”.
Barral lembrou que Ribeira leva corenta anos sen dispoñer de solo industrial, catro décadas nas que se sucederon os anuncios e os compromisos políticos sen que se materializase unha solución. “Falamos de corenta anos de promesas e moi poucos feitos. Mentres tanto, empresas que querían medrar ou asentarse no noso municipio tiveron que marchar a outros lugares porque aquí non había terreo industrial dispoñible. Ribeira non pode permitirse seguir perdendo oportunidades de actividade económica e emprego”, sinalou.
O portavoz nacionalista subliñou que o BNG traballou para desbloquear o proxecto durante a súa etapa no goberno municipal. “En apenas dous anos fomos capaces de culminar a adquisición dos terreos e aprobar o proxecto de urbanización. Tiñamos claro que o Concello non podía asumir en solitario o enorme custo desta infraestrutura e por iso defendemos que a Xunta debía dar un paso adiante. É exactamente o que está facendo agora a través de Xestur”.
Neste sentido, o BNG considera que o anuncio actual é tamén unha rectificación da posición que mantivo o Goberno galego que actuaba en interese partidista do PP. A formación lembra que a Xunta rexeitara reiteradamente a fórmula proposta polo executivo encabezado por Pérez Barral, malia trasladárselle o proxecto nas reunións mantidas en febreiro de 2024 e marzo de 2025.
Vixilancia para que pase do papel ao terreo
O BNG valora o anuncio pero non significa dar por cumprido o obxectivo. A previsión de iniciar a licitación antes de finalizar o ano debe ser o comezo dunha fase de traballo efectiva que permita executar a urbanización e poñer canto antes as parcelas a disposición das empresas a bos prezos.
“Imos estar moi vixiantes. Ribeira necesita pasar das fotos e dos titulares a que as máquinas entren en Pedras Vermellas, se execute a urbanización e que as empresas poidan dispoñer de parcelas para desenvolver os seus proxectos. Non imos permitir que se perda máis tempo”, advertiu Pérez Barral.
O portavoz nacionalista traballará para que o solo industrial sexa realidade canto antes e así abrir a porta a novas empresas, facilitar que as que xa están aquí poidan medrar, atraer investimentos e crear emprego de calidade. “Significa tamén ofrecer oportunidades á nosa mocidade para que poida desenvolver o seu proxecto de vida en Ribeira”.
“Alegrámonos de que por fin se avance e de que se adopte a solución que levabamos tempo defendendo. Cando se traballa con responsabilidade e se antepoñen os intereses de Ribeira aos intereses partidistas, as cousas poden saír adiante. Agora toca cumprir os prazos e facer realidade un proxecto que o noso municipio leva demasiado tempo esperando”, concluíu.

