A exposición «Antúnez. Materia, forma e territorio» poderá visitarse desde o venres 6 de novembro, ás 20:00 h, nun edificio rehabilitado que retoma a súa actividade cultural
A Casa da Cultura de Tomiño acollerá desde o vindeiro venres 6 de novembro a exposición «Antúnez. Materia, forma e territorio», unha proposta para achegarse á obra do escultor de Estás José Antúnez Pousa, un creador que atopou na pedra unha maneira propia de interpretar o mundo, ligada á paisaxe e á tradición dos oficios. A apertura da exposición será ás 20:00 horas e poderá visitarse no edificio tras as obras de rehabilitación, que permiten recuperar este espazo para a actividade cultural e o encontro coa veciñanza.
Nado en Estás en 1945, Antúnez Pousa medrou nunha familia de canteiros na que aprendeu a coñecer a pedra e as posibilidades do seu traballo. Esa herdanza marcou a súa traxectoria e a súa capacidade para transformar o granito, un material esencial na súa produción, nunha linguaxe artística propia. As súas obras, presentes en numerosos lugares de Galicia, destacan polo xogo de curvas, ocos e texturas, nunhas esculturas nas que a solidez da materia convive coa procura de movemento e expresividade. A través delas, levou o coñecemento do oficio máis alá da súa dimensión tradicional, explorando novas formas sen perder a relación coa paisaxe e coa cultura das que procedía.
A exposición permite achegarse á obra de Antúnez Pousa e situala na historia artística de Tomiño, un municipio no que escultores, pintores, canteiros e artesáns construíron ao longo de xeracións un importante patrimonio cultural.
Coa recuperación da súa actividade, este antigo cine volve ser un punto de encontro no Seixo, cunha programación cultural e social aberta a todos os públicos. Ligado á memoria de moitas tomiñesas e tomiñeses, o edificio retoma o seu uso tras unhas obras de rehabilitación centradas na mellora das condicións de uso e da eficiencia enerxética, con actuacións na envolvente, nas instalacións de ventilación e climatización, nos aseos e no illamento acústico.

