Promovidas polo Concello, están cofinanciadas pola Unión Europea con fondos FEDER, no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027 (Plan EDIL)
Inclúen a instalación de seis tapices rodantes para salvar a pendente existente na rúa
Esta mañá comezaron as obras do “proxecto de humanización e mobilidade vertical na contorna da rúa Rampa de Sas”, cun orzamento de licitación de 3.595.500 euros e un prazo de execución de 12 meses.
A actuación, promovida polo Concello de Ourense, será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027 dentro da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (Plan EDIL). Será executada pola empresa Prace Servizos e Obras S.A.
O proxecto ten como finalidade mellorar a accesibilidade e renovar a pavimentación na rúa Rampa de Sas, dende a praza do Couto até a súa conexión coa rúa Francisco Asorey, incluíndo a rúa Frai Plácido Iglesias.
Para salvar a pendente existente na rúa instalaranse seis tapices rodantes como transporte mecánico. Tamén se renovarán a pavimentación, as redes de abastecemento e saneamento, de subministración eléctrica e de telecomunicacións, así como a iluminación pública. Ademais, crearanse e adecuarán zonas de xardín e instalaranse redes de rega.
O Concello de Ourense non realizou esta mañá ningún acto de presentación das obras en cumprimento do establecido no artigo número 50 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG).

