A fronte nacionalista reclama a conxelación das retribucións do alcalde e dos concelleiros/as con dedicación exclusiva ou parcial
Critican que no actual contexto de emerxencia social se pretenda aumentar a distancia entre os salarios da Corporación e os da maioría social
Xabier P. Igrexas: “A política non pode ser tratada como unha profesión, nin un modo de vida. É un espazo para a participación democrática e iso é incompatíbel con privilexios económicos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclama conxelar en 2027 as retribucións dos membros da Corporación municipal con dedicación exclusiva ou parcial e rexeita a suba do 5,5% prevista polo Goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista defendeu esta posición mediante unha emenda ao proxecto de Bases de Execución do Orzamento Municipal para o vindeiro exercicio.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, advirte de que a actualización proposta elevaría o salario anual de Abel Caballero por riba dos 82.500 euros e situaría as retribucións dos concelleiros con dedicación exclusiva por riba dos 71.000 euros. Para o nacionalista, son contías que non se xustifican nunha cidade marcada pola precariedade laboral e o empobrecemento de amplas capas da poboación.
“Non teñen xustificación retribucións que son máis de 4 veces o salario mínimo e que se sitúan por acima das categorías máis altas do persoal público”, afirma Igrexas.
Retribucións dignas, non salarios estratosféricos
Igrexas subliña que o BNG defende que o exercicio da representación institucional debe contar con condicións económicas dignas, de maneira que calquera persoa poida participar na vida política, independentemente da súa orixe ou situación profesional. Porén, considera que ese principio non pode servir de xustificación para manter salarios que se afastan enormemente das condicións económicas da maioría social.
“Unha cousa é garantir retribucións económicas dignas, e outra fixarse salarios estratosféricos nunha cidade na que preto de 1 de cada 3 persoas traballadoras están por debaixo do salario mínimo”, sinala.
O portavoz do BNG considera especialmente inxustificábel que se aumenten as retribucións da Corporación nun contexto de emerxencia social, no que a carestía da vida está a agravar as dificultades económicas de moitos fogares. “É rotundamente inaceptábel que se continúe a alargar a distancia entre as retribucións dos e das representantes institucionais da cidade cos da maioría social”, denuncia.
Racionalización
A fronte nacionalista lembra que leva anos reclamando un debate sobre a racionalización das retribucións dos cargos políticos municipais e tamén do persoal eventual ou de confianza. Neste sentido, Igrexas cuestiona que familiares directos de membros do Goberno municipal perciban salarios, por faceren parte do Gabinete de Alcaldía, de entre 35.000 e 50.000 euros anuais, significativamente por riba das percepcións persoal funcionario.
O portavoz nacionalista lembra que a posición do BNG non é nova e que xa votou en contra das retribucións fixadas no Pleno de organización ao inicio deste mandato, en 2023, así como no mandato anterior.
Igrexas reivindica unha concepción da política afastada dos privilexios económicos e contrapón esa posición aos discursos que alimentan a desafección e a desconfianza cidadá nas institucións. “Fronte aos discursos da antipolítica e que só alentan a desafección cidadá e a desconfianza nas institucións democráticas, o BNG defendemos que a política non pode ser tratada como unha profesión, nin un modo de vida. É un espazo para a participación democrática e iso é incompatíbel con privilexios económicos”, conclúe.

