88 alumnos e alumnas dos catro cursos reciben bolsas de Turismo de Galicia, 15 becas de excelencia que cobren o 100% da matrícula e 73 ordinarias que financian o 80% do importe
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se conceden bolsas de estudo a 88 dos 370 alumnos matriculados no Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para o curso 2026-2027, impulsadas pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia.
Isto permite a un de cada catro estudantes recibir unha destas axudas, destinadas a facilitar o acceso á formación universitaria especializada no ámbito da hostalería.
Do total de bolsas concedidas, 15 son de excelencia e cobren a totalidade do importe da matrícula, fixado en 3.500 euros por curso. As 73 restantes son axudas ordinarias, que financian o 80% deste importe, polo que os beneficiarios só teñen que aboar 700 euros.
Entre os estudantes aos que se lles outorgaron estas becas figuran 33 alumnos de novo ingreso e 55 que xa cursaban estudos no centro. A resolución, cuxo proceso se prolongou durante catro meses, foi comunicada aos solicitantes ao longo desta semana.
Estas bolsas súmanse, ademais, ás exencións e reducións de matrícula previstas para determinados colectivos. Así, os alumnos pertencentes a familias numerosas de categoría especial, as vítimas de violencia de xénero ou de terrorismo e as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% poden acceder a unha exención do 100% do importe. No caso das familias numerosas de categoría xeral, a bonificación é do 50%, polo que a matrícula queda reducida a 1.750 euros.
Para optar a estas axudas, os solicitantes deben ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea, solicitar praza no CSHG para o curso académico 2026/2027 e cumprir os requisitos académicos e económicos establecidos na convocatoria. No caso do Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, esíxese unha nota mínima de 5 puntos na proba de acceso ou en estudos equivalentes, mentres que para as bolsas de excelencia a cualificación mínima requirida elévase a 8 puntos.
Con esta convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso coa formación e a cualificación dos profesionais do sector turístico, favorecendo a igualdade de oportunidades no acceso a estudos superiores especializados e impulsando o talento e a excelencia como elementos clave para o futuro do turismo galego.

