O novo espazo sitúase nunha zona de elevada demanda, próxima ao Centro de Saúde, á Garda Civil, á Oficina de Turismo e a numerosos establecementos hostaleiros. Soutomaior conta xa con case 200 prazas de aparcamento máis que ao inicio do actual mandato.
O Concello de Soutomaior habilitará nos vindeiros días un novo aparcamento no núcleo da Feira, en Arcade, con capacidade para máis de 50 vehículos. Trátase dunha actuación nunha zona de especial demanda de estacionamento, pola súa proximidade a servizos e equipamentos públicos como o Centro de Saúde, o cuartel da Garda Civil e a Oficina de Turismo, ademais da presenza de numerosos establecementos hostaleiros.
Con esta nova infraestrutura, o Goberno local continúa avanzando na súa política de creación de aparcamentos disuasorios, unha das principais liñas de actuación para favorecer a mobilidade, mellorar a circulación e facilitar o acceso aos servizos e comercios do municipio.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que «o aparcamento era un dos principais problemas de Arcade e un dos grandes retos deste Goberno foi sempre buscar espazos e mellorar as zonas de estacionamento do noso concello. Hoxe podemos dicir que Soutomaior conta con case 200 prazas máis que cando chegamos ao Goberno, e iso é posible tamén grazas á xenerosidade da veciñanza que cede gratuitamente as súas parcelas para poñelas ao servizo de todo o municipio».
Lourenzo subliñou que Arcade dispón na actualidade de preto de 400 prazas de aparcamento a menos de cinco minutos do seu núcleo urbano, tomando como referencia a Alameda de Talo Río. Unha rede de espazos que, xunto coa implantación da zona azul e a creación de aparcamentos disuasorios, está a contribuír a resolver un problema que durante anos condicionou a mobilidade e a actividade comercial e social da vila.
«Co esforzo de todas e todos estamos deixando atrás unha situación na que os problemas para aparcar eran unha constante. Grazas á zona azul e aos novos aparcamentos disuasorios, Soutomaior ten practicamente superado esta dificultade, aínda que seguimos traballando para mellorar», sinalou o alcalde.
Neste sentido, o Goberno local continúa avanzando nos traballos para habilitar un novo aparcamento urbano en Arcade, co obxectivo de reforzar a oferta de estacionamento e dar resposta aos últimos problemas de aparcamento que aínda persisten no núcleo urbano.
O Concello reafirma así o seu compromiso cun modelo de mobilidade máis ordenado, cómodo e accesible, que facilite o día a día da veciñanza e das persoas que se achegan a Arcade para utilizar os seus servizos, realizar compras ou desfrutar da hostalería local.

