- Nicolás Vázquez explica que o progreso de Galicia require unha Administración ambiental forte, profesional, independente e rigorosa
- Avoga por trasladar á cidadanía información clara e correcta sobre a tramitación ambiental, como que a inclusión dun espazo na infraestrutura verde non supón, por si mesma, unha prohibición absoluta de toda actividade
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, apostou hoxe no Pleno do Parlamento por sumar esforzos ante os retos ambientais desde o rigor e a transparencia.
Durante a súa resposta a unha interpelación, Nicolás Vázquez explicou que o progreso de Galicia require contar cunha Administración ambiental forte, profesional, independente e rigorosa. Nese senso, incidiu en que todas as decisións adoptadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático atenden aos valores ambientais, aos estudos técnicos e á normativa. A protección do medio ambiente require coñecemento, planificación, esforzo e rigor, aspectos que, segundo incidiu Nicolás Vázquez, rexen o traballo do persoal técnico da Consellería.
En concreto, Vázquez Iglesias salientou que os procedementos de avaliación ambiental son claves para garantir a compatibilidade da protección dos valores ambientais do territorio co desenvolvemento de proxectos industriais.
Así mesmo, o conselleiro avogou tamén por trasladar á cidadanía información clara e correcta sobre a tramitación ambiental. De feito, no caso da infraestrutura verde, Nicolás Vázquez incidiu na importancia de usar a terminoloxía de xeito correcto. Así, a Estratexia de infraestrutura verde é o instrumento de planificación que establece os obxectivos, os criterios, as metodoloxías e as actuacións necesarias para identificar, configurar e conservar esa rede.
Pola súa banda, a infraestrutura verde como tal será unha rede territorial de espazos naturais e seminaturais, corredores ecolóxicos e outros elementos que contribúan á conservación da biodiversidade, á conectividade dos ecosistemas e á prestación de servizos ambientais.
Así mesmo, cómpre diferenciar entre a identificación dos elementos que reúnen os criterios para formar parte da infraestrutura verde coa súa posterior selección e declaración formal, cando corresponda e a través dos instrumentos pertinentes.
Con todo, aínda no caso de que un espazo sexa incluído nesta categoría cartográfica, o conselleiro subliñou que esta inclusión “non suporía, por si mesma, unha prohibición absoluta de toda actividade”, senón que, no marco do procedemento de avaliación ambiental, habería que determinar a súa compatibilidade e as condicións da mesma.
Para concluír, Nicolás Vázquez destacou que asume a súa responsabilidade ao fronte da Consellería co obxectivo de garantir que “todos os proxectos sen excepción sexan avaliados co mesmo rigor e coas mesmas garantías”.

