O BNG de Vigo demanda a Caballero que esixa á Xunta a suspensión dos PIA do Ofimático e Santa Cristina

Redacción

Reclama a paralización de calquera ameaza de expropiación ou ocupación forzosa para proceder á revisión integral dos proxectos en diálogo coa veciñanza afectada

Pide ao Goberno local que non facilite directa ou indirectamente o seu desenvolvemento

Xabier P. Igrexas: “O Concello pode e debe facer moito máis para plantarlle cara á apisoadora da Xunta do PP”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda a suspensión inmediata da tramitación administrativa dos PIA do Ofimático e Santa Cristina e que se paralice calquera ameaza de expropiación ou ocupación forzosa. A fronte nacionalista vén de dirixirse ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que traslade á Xunta de Galiza o rexeitamento do Concello á imposición destes proxectos e para que se revisen atendendo as reivindicacións da veciñanza afectada.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reclamou o a Caballero que “pase das palabras aos feitos” para paralizar o avance de ambos PIA. “O único que recibiu a veciñanza afectada do Concello até o momento son fotografías amábeis, boas palabras e palmadas nas costas”, afeou, lembrando a contradición do rexedor por ter defendido a necesidade destes proxectos urbanísticos e por ter facilitado o abaratamento dos terreos cunha recualificación regresiva dos mesmos no novo PXOM, que só contou co voto en contra do BNG.

Por este motivo, Igrexas demandou tamén que o Goberno local non facilite de forma directa ou indirecta o desenvolvemento dos PIA, exercendo todas as accións a nivel institucional, administrativo e legal para lograr a suspensión e revisión dos proxectos.

Puxo como exemplo os atrancos do propio Caballero ao Plan Parcial de Navia até conseguir un compromiso real para o novo instituto ou o atraso na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro coas acometidas de auga até que “decidiu abrazarse ao PP” para aprobar os orzamentos municipais. Lembrou ademais como o BNG na Alcadía de Vigo logrou en 2002 impedir un recheo portuario de 200.000 metros cadrados no Areal.

“O Concello pode e debe facer moito para plantarlle cara á apisoadora da Xunta do PP”, manifestou Igrexas. Dende a fronte nacionalista consideran que se deben revisar tanto a extensión e alcance do perímetro e edificabilidade dos proxectos, así como das eventuais condicións de compensación e a garantía de realoxo no mesmo ámbito tanto de propietarias como de usufrutuarias ou convivintes das vivendas que estivesen afectadas.

Acordo no Pleno municipal

O portavoz municipal do BNG fixo referencia o acordo unánime no último Pleno do Concello de Vigo, no que se reclamaba á Xunta un diálogo coa veciñanza afectada e garantías dunha xusta indemnización e o dereito a realoxo. Cualificou a moción como “acordo de mínimos” e criticou o “veto” do grupo socialista á emenda do Bloque na que se querían recoller acordos “máis claros e rotundos para evitar estes atropelos”.

Igrexas considerou que a unanimidade non pode ser un “disfraz de falsos consensos”, sinalando que o voto a favor do PP non fixo “retroceder nin un milímetro” a pretensión do Goberno de Rueda de avanzar no desenvolvemento dos dous ámbitos. “O PP de Vigo está a demostrar, nos feitos, que o seu apoio á veciñanza era puro cinismo”, cuestionou.

“Menos palabras, menos falsos consensos para lavar a cara, e máis decisións para evitar o desenvolvemento de proxectos impostos desde San Caetano, sen diálogo nin transparencia, e que van provocar un impacto social, territorial e ambiental moi importante”, defendeu. “Estamos a tempo de evitalo”, remachou.

Debate sobre o modelo de vivenda pública

A xuízo do Bloque é necesario tamén abrir un debate “a fondo e serio” sobre o modelo de vivenda pública a desenvolver en Vigo. O portavoz municipal afirmou que a necesidade é “innegábel” como consecuencia das políticas da Xunta dende o ano 2009 e da inacción do Goberno municipal. Porén, cuestionou que a primeira opción sexa construír macroámbitos concentrados en lugar de tentar mobilizar as máis de 22.000 vivendas baleiras da cidade.Igrexas defendeu nese sentido un “modelo diseminado territorialmente e de tipoloxía edificatoria diversa ou flexíbel”. Considerou que o modelo da Xunta “só xera tensión urbanística” que non integra a vivenda pública na cidade ao concentrala en pequenos ámbitos.   

Comparte este artigo