O Rosal vive a emoción do ciclocross polos viñedos

Redacción

O XXVIII Trofeo Montes do Rosal reunirá este sábado 7 a 240 ciclistas nunha competición que combina deporte, natureza e a singular paisaxe vitivinícola rosaleira

A velocidade e a emoción sobre dúas rodas volverán abrirse paso entre viñedos. Este sábado 7 a partir das 11.00 horas, o municipio acollerá o XXVIII Trofeo Montes do Rosal de Ciclocross, unha cita que reunirá a 240 participantes de diferentes categorías nun dos escenarios máis singulares do calendario ciclista galego: os viñedos da adega Terras Gauda.
Organizada polo Club Ciclista O Rosal, coa colaboración do Concello, a proba alcanza a súa vixésimo oitava edición convertida nun referente deportivo que combina a esixencia técnica do ciclocross coa beleza dunha paisaxe estreitamente vinculada á identidade do municipio.
O circuíto volverá poñer a proba a habilidade, a resistencia e a capacidade de adaptación das e dos ciclistas, que deberán afrontar os cambios de ritmo e as dificultades propias desta modalidade. A competición reunirá deportistas dende os 12 anos ata a categoría máster 60 nunha xornada na que convivirán a ilusión das novas xeracións e a experiencia de quen leva décadas practicando este deporte.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quixo poñer o foco na capacidade desta cita para proxectar o municipio a través do deporte. “Esta proba lévanos a unha paisaxe que forma parte da nosa identidade e convértea nun escenario deportivo que cada ano reúne a centos de persoas. É unha oportunidade para dar a coñecer O Rosal desde unha perspectiva diferente e para sentir orgullo do noso territorio”, sinalou a rexedora, que destacou todo o traballo que hai detrás dunha competición que se achega ás tres décadas de historia e recoñeceu especialmente o labor do Club Ciclista O Rosal.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salientou o atractivo deportivo da proba. “O ciclocross é unha modalidade moi completa e espectacular, na que hai que dominar a bicicleta, ler o terreo e saber reaccionar en cada momento. Ver competir nun mesmo escenario a rapazada que está comezando e a ciclistas da categoría máster 60 é tamén unha boa maneira de comprobar que o deporte non entende de idades”, explicou. O concelleiro animou á veciñanza a achegarse ao circuíto para desfrutar da competición.
O Concello do Rosal quixo agradecer a implicación do Club Ciclista O Rosal, así como a colaboración da adega Terras Gauda, da Comunidade de Montes das Eiras, da Federación Galega de Ciclismo e das entidades e empresas patrocinadoras que contribúen a facer posible esta competición.

Comparte este artigo