O comisario do Xacobeo 2027 reforza en Pamplona a alianza entre Galicia e Navarra de cara a 2027

Redacción

Marcos Gómez Román participou nun encontro organizado pola Asociación Galaico-Navarra (AGANA)

O comisario do Xacobeo, Marcos Gómez Román, participou en Pamplona nun encontro organizado pola Asociación Galaico-Navarra (AGANA), no que abordou a importancia do Camiño de Santiago como vínculo histórico e cultural entre Galicia e Navarra, así como os retos e oportunidades que representa a celebración do Xacobeo 2027.

Baixo o lema «Dous territorios unidos desde hai séculos polo Camiño de Santiago», a Asociación Galaico-Navarra (AGANA) celebra na capital navarra esta cita dedicada a reforzar os lazos históricos e culturais entre Galicia e Navarra e a analizar as oportunidades que ofrece o Xacobeo 2027.

Durante a súa intervención, Gómez Román destacou o papel de Navarra como unha das principais portas de entrada do Camiño de Santiago na Península e subliñou a estreita relación entre ambos territorios, unidos desde hai séculos pola ruta xacobea.

O comisario do Xacobeo 2027 aproveitou o encontro para presentar as principais liñas de traballo do Xacobeo 2027 e trasladar a ilusión de Galicia ante a próxima celebración do Ano Santo. Neste sentido, incidiu na oportunidade que supón esta cita para impulsar a proxección internacional do Camiño, dinamizar os territorios polos que transcorre e reforzar a colaboración entre as distintas comunidades.

Na súa intervención, animou os asistentes a converterse en embaixadores do Xacobeo 2027 e a contribuír á difusión desta gran celebración, convidando os cidadáns de Navarra a participar nunha cita que quere implicar o conxunto dos territorios vinculados ao Camiño.

Comparte este artigo