Profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés interviron no Congreso dos Diputados nunha xornada sobre o impacto das ferramentas dixitais no diagnóstico precoz do VIH en Urxencias

Redacción
  • –      O foro contou coa participación do coordinador de Urxencias do Hospital do Salnés e presidente da SEMES, o doutor Manuel Vázquez Lima, e da directora de Enfermaría da Área Sanitaria e coordinadora nacional do proxecto “Deja Tu Huella”, Concepción Abellás Álvarez
  • –      Neste encontro abordáronse estratexias dixitais de axuda á toma de decisións nos servizos de urxencias para optimizar a solicitude de seroloxías e avanzar na detección temperá do virus

Profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés interviron onte xoves no Congreso dos Diputados en Madrid nunha xornada nacional sobre o Impacto das axudas electrónicas á toma de decisións en Urxencias: unha realidade no diagnóstico do VIH, un encontro dirixido a analizar o papel dos sistemas de información e a dixitalización sanitaria na mellora da detección precoz desta infección.

A apertura institucional deste foro contou coas intervencións do coordinador de Urxencias do Hospital Público do Salnés e presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias y Emerxencias –SEMES– o doutor Manuel Vázquez Lima, e da directora de Enfermaría da Área Sanitaria e coordinadora nacional do proxecto “Deja Tu Huella-SEMES”, Concepción Abellás Álvarez. Na benvida participou tamén a responsable da Unidade de vixilancia de VIH, ITS e hepatitis do Instituto de Salud Carlos III, Asunción Díaz Franco.

Ferramentas electrónicas para a práctica clínica e a saúde pública

Durante a mesa redonda, moderada polo director nacional do programa “Deja Tu Huella”, Juan González del Castillo, profesionais e responsables de Saúde Pública e Sistemas de Información de diversas comunidades autónomas analizaron as oportunidades que ofrecen os servizos de urxencias coma entorno estratéxico para o diagnóstico precoz do VIH.

Entre os eixes debatidos, analizáronse estratexias dixitalizadas para superar os obstáculos na solicitude de seroloxías, avaliáronse experiencias de implementación destas axudas electrónicas na historia clínica e avanzouse para acadar un modelo integrado que conecte a práctica asistencial diaria coas estratexias globais de Saúde Pública.

Innovación tecnolóxica aplicada á asistencia

Coa participación destes responsables asistenciais neste encontro de nivel estatal no Congreso dos Diputados en Madrid, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reforza o seu compromiso coa innovación tecnolóxica aplicada á asistencia e coa consolidación de protocolos que favorezan a detección precoz de enfermidades transmisibles.

Comparte este artigo