— ‘A pel do río’, ‘Faro’ e ‘Baixo as pálpebras’ resultaron gañadores do primeiro, segundo e terceiro galardón, respectivamente
— As propostas recibirán as súas respectivas distincións nunha gala final xunto co resto de premiados nas 14 categorías restantes
A Xunta de Galicia outorgou hoxe o primeiro e segundo premio na modalidade de videocreación do Xuventude Crea 2026 aos proxectos A pel do río, de Alba Amoedo, do municipio pontevedrés da Lama, e Faro, de Mario Fernández, da localidade ourensá do Carballiño. Ademais, completouse o palmarés coa terceira distinción a Baixo as pálpebras, de Mario Fernández, da Illa de Arousa (Pontevedra).
Deste xeito, a final desta categoría do certame da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude deulle o máximo recoñecemento a unha peza audiovisual experimental que constrúe unha identidade dual entre un corpo feminino e a corrente de auga do río. Ademais, o proxecto A pel do río destaca polo seu deseño sonoro e recursos plásticos.
Pola súa banda, Faro fíxose co segundo premio presentando unha aproximación poética-documental da peregrinación ao Monte Faro, entre Chantada e Rodeiro, onde se establece unha irmandade entre o silencio e a fe coas forzas da natureza. Mentres, Baixo as pálpebras, obtivo o terceiro galardón coa súa exploración do insomnio, a través da linguaxe audiovisual. Cómpre salientar que, nesta décimo sétima edición, esta modalidade recoñeceu coa Mención de Honra a José García Estévez e Isabella Moreno Rueda, pola creación Persistencia do baleiro, na que destaca o xogo entre o vídeo analóxico e dixital.
A modalidade creación de videoxogos é unha das 15 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea 2026, que segue a consolidar a seu interese entre a mocidade galega con preto de medio milleiro de persoas inscritas este ano e que celebrará a gala cando rematen todas as finais das diferentes categorías.
A iniciativa chega este ano á súa décimo sétima edición sendo un programa consolidado e con prestixio no eido cultural e artístico galego, no que xa participaron preto de 6.000 mozos e mozas, con 4.000 obras e proxectos creativos e no que se repartiron preto de 700 premios por un importe total superior ao millón de euros e 89 mencións de honra.

