Silvia F.: ‘’Non queremos que os Puntos Violeta sexan unicamente unha carpaninstalada durante as grandes festas. Queremos que estean presentes tamén todas as fins de semana, nos espazos onde as mulleres saen, gozan e exercen o seu dereito a ocupar a cidade.”
A formación reclama ao Concello, á Deputación e á Xunta recursos para previr as agresións sexuais, combater a submisión química e garantir espazos seguros para as mulleres.
Avante Ourense, a través da súa Secretaría de Feminismo, presentou unha proposta dirixida ao Concello de Ourense, á Deputación Provincial e á Xunta de Galicia para impulsar a creación dunha Rede de Puntos Violeta con presenza estable na cidade.
A iniciativa nace da necesidade de reforzar a prevención das agresións sexuais e doutras formas de violencia machista nos espazos de ocio nocturno, especialmente durante as fins de semana, as festas populares e as celebracións dos diferentes barrios.
A proposta contempla que os Puntos Violeta estean presentes todas as fins de semana nas zonas de maior afluencia nocturna de Ourense, mediante unha planificación que permita achegar estes recursos aos lugares onde se concentra a actividade de ocio. Ademais, solicítase a súa instalación durante as festas de barrio, verbenas, concertos e outras celebracións populares.
Estes espazos ofrecerían información sobre violencia sexual, consentimento e submisión química, así como materiais preventivos gratuítos, entre eles protectores para vasos e bebidas.
Tamén contarían con persoal formado para ofrecer orientación, atención inicial e acompañamento ás mulleres que poidan atoparse ante unha situación de acoso ou violencia. Desde Avante consideran que a prevención non pode limitarse a actuar unha vez producida unha agresión, senón que debe formar parte dunha política pública permanente.
A secretaria de Feminismos, Silvia F, afirmo que ‘’as mulleres teñen dereito a gozar da noite, das festas e dos espazos públicos sen medo. A súa seguridade non pode depender exclusivamente das precaucións individuais que adopte cada unha’’.
A proposta incorpora tamén unha dimensión comunicativa. Avante reclama que as contas oficiais das tres administracións publiquen información semanal sobre prevención das violencias sexuais, recursos dispoñibles e localización dos Puntos Violeta. Así mesmo, solicita que as persoas responsables das áreas de igualdade impulsen campañas periódicas de sensibilización, sen limitar a información a datas sinaladas como o 8 de marzo ou o 25 de novembro.
En canto ás responsabilidades institucionais, a formación propón que o Concello de Ourense asuma a creación e xestión da rede municipal; que a Deputación facilite financiamento, formación e medios materiais; e que a Xunta achegue asesoramento técnico, recursos formativos e apoio económico.
Avante Ourense considera que esta iniciativa debe desenvolverse de maneira coordinada entre as administracións e contar cunha dotación orzamentaria que permita garantir a súa continuidade.
A formación solicita ás tres administracións que estuden a proposta e concreten a súa disposición a colaborar na súa posta en marcha.

