O edificio da praza da Inmaculada acolle este evento hoxe sábado e mañá domingo
As elaboracións de pequenos produtores caracterizadas pola súa personalidade e singularidade, e pola historia que hai detrás de cada viño, son as protagonistas de Emoción dos Viños. Este evento regresa a Tui na súa décimo sexta edición cunha ampla proposta enolóxica xa que son máis dunha trintena de viños os que protagonizan a cita deste 2026 que se desenvolve no edificio da praza da Inmaculada.
As persoas que se acheguen poderán coñecer estes viños de autor e coñecer e compartir cos responsables das distintas adegas as características e as emocións que cada viño suscita. Celébrase hoxe sábado e mañá domingo cun horario de 11 a 14 h e de 16 a 20 h. O prezo da entrada por día é de 20€.
De forma paralela esta mañá celebrouse L’emotion du Champagne no Espazo Sociocultural que contou cunha gran acollida coas entradas esgotadas hai xa días.
A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana Núñez, destaca coma a celebración de A Emoción dos Viños en Tui, un evento xa consolidado e con longa traxectoria, converte a Tui esta fin de semana en “referente do enoturismo e da cultura do viño, ao tempo que pon en valor o traballo dos pequenos produtores”. Ao tempo contribúen a valorizar e dar a coñecer o entorno patrimonial no que se celebra cada ano, no caso de Tui no edificio municipal na praza da Inmaculada, cuxa planta baixa foi rehabilitada recentemente.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou tamén o orgullo de poder acoller de novo A Emoción dos Viños na cidade “recuperamos un evento que naceu nesta cidade e que despois dun longo periplo fóra dela temos a inmensa fortuna de que volve”. Engadiu que “un evento destas características está moi ligado á historia e ao legado que esta cidade nos ten transmitido ao longo dos anos”.

