A alcaldesa de Redondela visita as instalacións de Deta Vigo Peinador para coñecer os seus proxectos de expansión e innovación

Redacción
  • Digna Rivas coñeceu de primeira man a actividade da planta, ubicada no municipio, e os plans de expansión e innovación do grupo empresarial, cuxa sede social se atopa en Redondela. O Grupo prevé elevar a súa facturación ata os 105 millóns de euros en 2027.
  • O Grupo Delta ten en marcha investimentos por 35 millóns de euros para a ampliación das súas instalacións na provincia e a mellora produtiva nas fábricas de Redondela e Valladares. A firma contempla incorporar uns 50 profesionais durante 2026 e 2027.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou hoxe as instalacións de Delta Vigo Peinador, situadas no termo municipal, onde puido coñecer de primeira man a actividade industrial da compañía, os seus principais proxectos e os seus plans de crecemento, especialmente no sector aeroespacial.
A alcaldesa estivo acompañada pola tenente de alcaldesa e concelleira de Cultura, Turismo e Facenda, Rita Pérez, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro. Por parte de Delta Vigo, recibiron á delegación municipal o seu presidente, Francisco Puga; o conselleiro e director de Fabricación do Grupo, Víctor Lorenzo, e o director de Calidade, José Ángel Rodríguez.
Durante o percorrido, a representación municipal coñeceu a actividade de Delta Vigo Peinador e os investimentos previstos para modernizar e mellorar a capacidade produtiva das súas instalacións. O Grupo ten en marcha un plan inversor de 35 millóns de euros ata decembro de 2027, dos que 8 millóns se destinan a melloras produtivas na planta redondelá, na viguesa de Valladares e en Illescas, mentres que os 27 millóns restantes corresponden á ampliación das súas instalacións en Nigrán.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia estratéxica desta colaboración e sinalou que “é un orgullo para Redondela albergar a sede social dun referente internacional do sector aeroespacial como Delta Vigo. Este plan de investimentos demostra o compromiso da firma co noso territorio e co desenvolvemento industrial local.” Rivas engadiu que “o apoio do Goberno local a estes proxectos de innovación é absoluto, xa que non só modernizan o tecido industrial, senón que xeran emprego coa previsión de 50 profesionais máis en dous anos. Cando unha empresa aposta por Redondela, gaña toda a cidadanía.”
A compañía afronta esta etapa de crecemento cunha firme aposta pola innovación, a enxeñaría e o desenvolvemento de novas tecnoloxías e procesos de fabricación, participando en proxectos de I+D+i vinculados ao futuro da industria aeroespacial. Entre eles destacan PEGASO, centrado no desenvolvemento da ala do futuro, CUVICO, sobre o fuselaxe do futuro, e ECOMAP, orientado a mellorar a eficiencia e sustentabilidade dos procesos de fabricación.

Sobre o Grupo Delta
Grupo Delta é un grupo empresarial familiar con actividade nos segmentos de enxeñaría de procesos, bens de equipo e fabricación de pezas en serie, cunha elevada especialización nos sectores de aeronáutica e automoción, e unha crecente actividade nos ámbitos da defensa e o ferrocarril.
Conta con tres plantas na área metropolitana de Vigo —Delta Vigo Peinador (Redondela), Delta Vigo PTL Valladares (Vigo) e Delta Vigo Aeroestructuras (Nigrán)—, unha planta en Illescas (Toledo) e unha oficina técnica en Hamburgo (Alemaña). A compañía ten actualmente unha plantilla de 256 profesionais e mantén unha forte orientación internacional, con entre o 75% e o 80% da súa produción destinada a mercados exteriores.
O Grupo, cuxa sede social está en Redondela, prevé elevar a súa facturación dos 60 millóns de euros rexistrados en 2025 a 105 millóns de euros en 2027, e contempla a incorporación de arredor de 50 profesionais durante 2026 e 2027.

Comparte este artigo