O concello de Bueu reforza a iluminación do Paseo de Pescadoira

Redacción

O Concello de Bueu vén de acometer a ampliación da iluminación no paseo de Pescadoira e tamén nos pasos de peóns da contorna da Praza de Abastos e do Centro Social do Mar, todos eles na avenida Montero Ríos.
Félix Juncal, alcalde da vila, destaca que “o obxectivo é mellorar a visibilidade nestas zonas tan transitadas, e tamén incrementar a accesibilidade e a seguridade vial”.

A actuación, que comezou este luns, consiste na instalación dunha vintena de proxectores nos báculos de iluminación que reforzan estes espazos, sobre todo porque a anterior era moi deficitaria e estaba pendente dende había varios anos por parte da alcaldía.

Estes traballos encádranse no compromiso do Concello de Bueu de renovación de luminarias a outras de tipo LED e a dotación de puntos de luz novos en zonas carentes deles. Así, hai dúas semanas levouse a cabo a iluminación da praza exterior da Piscina Municipal de Bueu, con novos puntos de luz. Así mesmo, proximamente, o consistorio levará a cabo, con fondos do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra, a tramitación do proxecto para reforzar a iluminación na Praza do Concello e Praza Massó, dous espazos moi demandados pola cidadanía e, de forma especial, polo comercio local.

Comparte este artigo