A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu este martes ao acto de entrega dos III Premios Boas Prácticas en Igualdade da Deputación de Pontevedra, celebrado no Pazo provincial, no que foron recoñecidos o CEIP Mestre Martínez Alonso e a Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa.
O CEIP Mestre Martínez Alonso foi distinguido co premio na categoría de educación polo seu traballo de concienciación en igualdade desde as primeiras etapas educativas. O centro mosense foi recoñecido polo seu labor para transmitir valores de igualdade entre nenas e nenos e favorecer unha educación libre de prexuízos e discriminacións. Nesta categoría o accésit foi para o CEIP A Lomba de Vilagarcía.
Pola súa banda, a Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa recibiu un accésit na categoría de iniciativa social. Este recoñecemento distingue o labor da entidade no ámbito social. O premio desta categoría foi para Faraxa.
A alcaldesa Nidia Arévalo quixo trasladar os seus parabéns a CEIP Mestre Martínez Alonso e a Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa polos recoñecementos recibidos. A alcaldesa puxo en valor o traballo que desenvolven tanto o centro educativo como EVD Galicia na promoción da igualdade e na construción dunha sociedade máis xusta, destacando a importancia de apoiar e dar visibilidade a iniciativas que traballan neste ámbito desde a educación e a acción social.
Os Premios Boas Prácticas en Igualdade recoñecen o labor desenvolvido na provincia para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria desde diferentes ámbitos da vida social.

