Redondela activa o 25N coa campaña “Game Over. A violencia machista non é un xogo”

Redacción

– O Concello ofrece un programa innovador que inclúe a realizacións de podcast co alumnado dos institutos e actividades interxeracionais que reunirán a persoas usuarias dos centros de día e escolares. Teatro, exposicións, obradoiros e o Premio Sesé Mateo de Xornalismo completan a programación.

– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que na campaña “Game Over, a violencia machista non é un xogo” o protagonismo é para os mozos e mozas. “Poñemos o foco na xente nova e a violencia machista dixital, dándolle voz nos podcast para que expresen abertamente as súas ideas e reflexións sobre a violencia de xénero”.

O Concello de Redondela presenta unha ampla programación arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema “GAME OVER. A violencia machista non é un xogo”. O goberno local desvelou unha axenda completa de actos culturais, institucionais e formativos “cunha aposta decidida por facer da mocidade a peza central das accións de sensibilización”, sinala a alcaldesa, Digna Rivas. Esta edición contará coa implicación directa da adolescencia a través da realización de podcasts nos institutos do municipio “para que alumnos e alumnas expresen abertamente as súas ideas e reflexións sobre como perciben e viven o machismo nas contornas dixitais, as redes sociais ou os videoxogos” explica a rexedora. Esta canle de expresión complementarase cos obradoiros que se imparten nas aulas baixo o título “Do móbil aos videoxogos: identificar e previr o machismo dixital”. Rivas subliñou o firme compromiso do Goberno local para erradicar esta lacra e sinalou que “coa campaña deste ano queremos incidir en que o machismo non entende de formatos nin de idades. As pantallas e os videoxogos non poden ser espazos de impunidade para as condutas violentas ou o acoso. A nosa obriga é facilitar que a mocidade teña voz propia e nos axude a poñer un punto e final real, un auténtico ‘Game Over’, á violencia machista”.

A programación inclúe tamén o II Ciclo de Teatro Mestra Paulina con perspectiva de xénero. O auditorio da Xunqueira acollerá as obras “Cámara Escura”, de Vórtice Escénico, o día 15, e “Feminísimas”, De Ste Xeito Producións, o domingo 22. As dúas citas ás 19:30 horas.

Actividade interxeracional “A nosa memoria”

O acto institucional do 25 de novembro celebrarase na praza do Concello ás 12:00 horas, unha cita interxeracional e transversal. A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, anunciou que se presentará a actividade interxeracional “A nosa memoria”, realizada conxuntamente polos centros escolares e os centros de día. Persoas maiores visitarán este mes os centros educativos para compartir cos nenos e nenas as súas experiencias da infancia. “O proxecto busca visibilizar e reflexionar sobre o feito de que moitas das nosas avoas e bisavoas viron limitada a súa asistencia á escola por ter que exercer de coidadoras xa dende moi nenas, fronte á preferencia que tiñan os seus irmáns homes para poder estudar”.

No acto darase lectura ao manifesto do 25N con textos de Asociación Lenda de Saúde Mental, Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional e as profesionais do Servizo de Atención Temperá.

A parte artística correrá a cargo de Neves Seara coa peza “Arroz con leite eu quero casar…” e a intervención do grupo “As silenciadas”. O acto pecharase coa tradicional entrega floral na árbore Ginkgo Biloba da rúa Salgueiral. O Goberno local fai fincapé no traballo comunitario e transversal desta programación do 25N “que reflicte o esforzo de todo un pobo unido pola igualdade, . Conseguimos fiar unha rede interxeracional onde os centros de ensino, centros de día e asociacións traballan da man, o que demostra que Redondela planta cara de xeito conxunto a calquera tipo de discriminación ou violencia”.

O VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético entregarase o xoves 26 de novembro ás 12:00 horas na Oficina de Turismo. O prestixioso galardón premia o tratamento rigoroso e ético da violencia machista nos medios de comunicación.

As actividades continuarán co contacontos para público infantil “As tecedeiras da esperanza”, con Anxo Moure. A actividade estará acompañada de obradoiros de reciclaxe. Será o venres 27 de novembro ás 18:30 horas no Multiusos do Piñeiral do Crego (Chapela).

A programación prolóngase ao mes de decembro coa mostra fotográfica Express-Arte dos días 4 a 17,  no Multiusos da Xunqueira. A mostra está financiada pola Rede de entidades locais contra a violencia de xénero dependente da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

Formación continua nos centros de ensino

A campaña esténdese ás aulas ao longo de todo o curso escolar a través de catro bloques temáticos fundamentais de obradoiros e charlas como “Falemos de sexo. Afectividade, sexualidade e pornografía”, “Do móbil aos videoxogos: identificar e previr a violencia dixital”, “Sexualidade en igualdade: educación afectivo-sexual para a prevención da violencia machista” ou “Prevención dos Trastornos de Conduta Alimentaria dende a perspectiva de xénero: violencia estética”.

Comparte este artigo