- Marisol Díaz explica que a Xunta está a traballar en distintas direccións neste eido, como a prevención do abandono, a colaboración cos concellos e as protectoras ou o impulso de infraestruturas públicas destinadas a garantir o seu coidado e bo estado
- Lembra que o Goberno galego construirá o Centro de Protección Animal de Galicia, en Curtis, que terá capacidade para 300 cans e 200 gatos abandonados ou extraviados, e prestará servizo a concellos de menos de 5.000 habitantes
A Xunta avoga por protexer os animais de compañía e facilitar a súa adopción responsable e o seu benestar. Así o destacou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, que interveu hoxe para responder unha pregunta na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento galego.
Marisol Díaz lembrou que Galicia conta coa Lei de protección e benestar dos animais de compañía, que é un instrumento que fixa como principio fundamental a protección e a tenza responsable.
Para avanzar nesta liña, explicou que a norma debe ir acompañada de medios, polo que a Xunta está a traballar en distintas direccións para blindar o benestar animal: prevención do abandono, colaboración cos concellos e as protectoras, fomento da adopción responsable e impulso de infraestruturas públicas destinadas a este ámbito.
En todo caso, recordou que corresponde ás administracións locais a recollida de animais abandonados, un servizo que poden prestar por si mesmos ou en colaboración con outras entidades e para o que contan tamén co apoio da Xunta.
Por último, engadiu que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén está a traballar no protocolo marco para a implantación de programas municipais de xestión de colonias felinas.

