O PP esixe unha infraestrutura deportiva con garantías para a veciñanza de Verducido

Redacción

● Domínguez critica que Lores asine a demolición do pavillón sen ter programada ningunha alternativa para a veciñanza.

● Os populares consideran que a complicidade BNG-PSOE no Concello de Pontevedra “perxudica á veciñanza e déixaa sen solucións, como acontece a nivel nacional”

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixe ao Concello de Pontevedra a construción dunha instalación deportiva na parroquia de Verducido, logo de que o alcalde de Pontevedra anunciase a autorización da licencia de demolición do pavillón sito no lugar de Covadáspera.

Domínguez considera que os veciños de Verducido quedan orfos de instalacións deportivas e socioculturais e critica que Lores asine a demolición do pavillón deportivo sen ter programada ningunha alternativa para a práctica do deporte na parroquia. O descontento veciñal quedou plasmado hoxe venres cando se presentaron no Rexistro do Concello de Pontevedra preto de 300 sinaturas que reclaman a paralización da demolición do pavillón de Verducido.

Os asinantes entenden que a seguridade das persoas usuarias é unha prioridade pero solicitan coñecer os informes técnicos e urbanísticos que fundamentan a demolicións e os estudos sobre posibles solucións. Ademais, piden ao Concello de Pontevedra a apertura dun proceso de diálogo coas entidades sociais da parroquia e a presentación dunha solución que garanta unha instalación deportiva e social para Verducido.

Para o líder do Partido Popular de Pontevedra, Lores está a deixar de lado novamente á veciñanza e anímao a tomar nota do traballo que está a facer o Partido Popular en Galicia en materia de deporte e lembra a aposta firme que ten con Pontevedra a través do importante proxecto do CAR de Santo André de Xeve.

O presidente do PP de Pontevedra lembrou que o Goberno de Alfonso Rueda aposta pola Alta Competición, pola xeración de emprego e pola inclusión no deporte, “así como a mobilización da cidadanía para que practique deporte por saúde, algo que Lores lle está a negar aos veciños de Verducido”. Esta perspectiva autonómica choca de fronte coa xestión que está a facer Lores en Pontevedra, “que asina a licenza de obra para a demolición do pavillón de Covadáspera sen ter unha alternativa programada para ofrecer á veciñanza”.

Domínguez entende que unha vez máis, a complicidade BNG – PSOE está a perxudicar á veciñanza e déixaa sen solucións, como está a acontecer a nivel nacional coa pésima xestión de Pedro Sánchez levada a cabo co respaldo do BNG no Congreso dos deputados. Rafa Domínguez lembra que trala clausura do pavillón pola falta de seguridade en xuño de 2025 os veciños quedaron sen alternativa e o Goberno de Lores non está a ofrecer solucións.

“Os veciños de Verducido precisan un espazo deportivo e de reunión en condicións e con seguridade e é o Concello de Pontevedra o que ten que propoñer unha alternativa. Está claro que o 29 de novembro España merece un cambio a nivel nacional e tamén está moi claro que Pontevedra merece un cambio no mes de maio.”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra remata apuntando a un deterioro xeralizado das instalacións deportivas de Pontevedra, as que considera “sendo insuficientes, deficientes e, desde logo nalgúns casos, xeran mesmo vergoña allea”.

Comparte este artigo