Récord de participación na décima edición do Torneo Internacional de Xadrez de Ponteareas

Redacción

O Concello de Ponteareas acolleu hoxe a presentación oficial do X Torneo Internacional Sub-2400 Xadrez Ponteareas – V Gran Premio Confitería Regino. O acto contou coa intervención do presidente do Club de Xadrez de Ponteareas, Manuel Outerelo, quen estivo acompañado pola alcaldesa do municipio, Nava Castro, e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González. Durante a presentación, celebrouse o rotundo éxito de convocatoria desta décima edición, que logrou bater un récord histórico de participación rexistrando 75 xogadores inscritos.

O torneo disputarase durante esta fin de semana, os días 14 e 15 de novembro de 2026, nas instalacións do CEIP Plurilingüe As Veigas. A competición desenvolverase baixo o amparo da Federación Internacional (válido para ELO FIDE) a través dun esixente Sistema Suízo de 5 roldas, cun ritmo de xogo de 60 minutos por xogador máis 30 segundos de incremento por xogada.

A alcaldesa, Nava Castro, amosou o seu orgullo por consolidar un evento que sitúa ao municipio no mapa deportivo internacional, subliñando que “esta cifra récord de 75 participantes na décima edición demostra que Ponteareas ten unha capacidade organizativa extraordinaria”. Para o noso concello “é un privilexio acoller a tantos talentos do taboleiro e dinamizar a nosa vila a través dos valores do deporte”, engadiu a rexedora.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, puxo de manifesto a importancia do traballo conxunto co tecido asociativo local e o esforzo continuo do Club de Xadrez de Ponteareas. “Chegar a dez edicións batendo marcas de inscrición é o froito dun proxecto moi serio que conta e seguirá contando co total apoio da Concellería de Deportes para promover tanto a alta competición como o deporte base”,destacou González

A organización deseñou unha atractiva estrutura de premios na que se repartirán galardóns en metálico para o podio principal e trofeos en múltiples categorías especiais, que abarcan desde incentivos para os mellores xogadores en distintas franxas de ELO ata recoñecementos por idades (desde categorías Sub-8 ata Veteranos).
A inauguración oficial do evento terá lugar mañá, sábado 14 de novembro ás 10:15 horas, dando paso inmediato ao inicio das partidas. O broche de ouro porase o domingo ás 19:00 horas co Acto de Clausura e a correspondente Entrega de Premios, consolidando a Ponteareas como un referente indispensable para os afeccionados e mestres do taboleiro.

Comparte este artigo