• O Concello organiza unha fin de semana festiva baixo carpa con actividades para todas as edades.
• O grupo folk vigués The Crass, gañador no seu día do prestixioso Festival de Ortigueira, porá o broche de ouro musical á noite do sábado.
O Concello de Ponteareas convida a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar dunha completa programación cultural e de lecer programada para esta fin de semana na carpa instalada na Praza de Bugallal. A través destas iniciativas, que contarán cunha gran carpa para garantir o confort dos asistentes, búscase poñer en valor as tradicións galegas e ofrecer alternativas de lecer gratuítas e interxeracionais.
A programación arrancará mañá sábado, 14 de novembro, a partir das 19:00 horas coa celebración do tradicional Magosto. A xornada festiva contará con castañas de balde para todos os asistentes, ademais de postos de venda de choripán e moitas sorpresas ao longo da noite. O apartado musical e de animación do sábado estará dividido en dous grandes momentos, xa que ás 19:00 horas comezarán os obradoiros infantís dirixidos aos máis pequenos e actuación musical a cargo da charanga Noroeste.
O segundo punto horario de interese será ás 21:00 horas, co concerto en directo de “The Crass”. A Praza de Bugallal vibrará co potente directo desta recoñecida banda viguesa de folk internacional, que conta na súa traxectoria co prestixioso galardón de gañadores do Festival do Mundo Celta de Ortigueira e un nomeamento aos premios 40 Principales polo seu enérxico formato ao vivo. A formación porá o broche de ouro á noite do magosto cunha viaxe musical polas tradicións e melodías das diferentes nacións celtas.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou a relevancia de dinamizar os espazos públicos cunha programación accesible e de calidade, destcando que “queremos que a Praza de Bugallal sexa un punto de encontro vivo para todas as xeracións. O Magosto e os xogos tradicionais forman parte da nosa identidade, e con esta carpa aseguramos que as familias poidan desfrutar do outono compartindo momentos de lecer, cultura e convivencia sen preocuparse polo tempo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, quixo poñer o foco na calidade da proposta artística da fin de semana, sublimando que “a actuación de The Crass, un grupo de folk de referencia internacional no noso territorio, eleva o nivel cultural deste Magosto”. Sumar a súa forza musical á recuperación dos nosos Xogos Populares “permítenos conectar de xeito festivo o noso patrimonio inmaterial con grandes directos ao vivo”, engadiu González.
Xogos populares
A diversión continuará o domingo 15 de novembro, a partir das 16:30 horas, coa xornada dedicada aos Xogos Populares. Baixo a carpa da Praza de Bugallal, habilitarase un espazo de xogo libre e dinamización centrado en modalidades tradicionais galegas, como os birlos, carreiras de sacos e xogos de puntería e habilidade. Trátase dunha actividade pensada para dinamizar a tarde dominical e conectar a nenos, mozos e maiores a través do patrimonio lúdico compartido.
Todas as actividades son de acceso libre e gratuíto. Desde o Concello de Ponteareas animase á participación activa para facer desta fin de semana unha gran festa comunitaria arredor do outono e da cultura popular.

