Un grupo de investigación do CHUP Pontevedrés seleccionado nunha prestixiosa competición europea de intelixencia artificial

Redacción
  • O equipo IDARA, vinculado ao servizo de Dixestivo do Complexo e integrado no Instituto de Investigación Galicia Sur, figura entre os gañadores da fase inicial da AI Challenge Competition de AI-BOOST polo proxecto SynCohort
  • A iniciativa emprega Intelixencia Artificial xenerativa para crear datos sintéticos de pacientes con cancro de pulmón e reequilibrar grupos infrarrepresentados, mellorando a equidade e a seguridade na atención clínica

A investigación clínica da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés acadou un destacado recoñecemento internacional despois de que o grupo IDARA -Intelligent Digestive and AI Research Alliance- vinculado ao servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, fora seleccionado coma un dos gañadores da fase Spark da AI Challenge Competition de AI-BOOST, unha iniciativa financiada polo programa Horizonte Europa da Unión Europea.

Un panel independente de expertos escolleu a proposta SynCohort do equipo pontevedrés -integrado no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur- entre as candidaturas presentadas en todo o continente, situándoa coma unha das cinco seleccionadas dentro do terceiro reto da competición. Este desafío céntrase na aplicación de Intelixencia Artificial xenerativa para a mellora de conxuntos de datos clínicos, en colaboración coa entidade European Federation for Cancer Images.

Equidade clínica e desenvolvemento en supercomputación europea
O proxecto SynCohort consiste nun sistema de Intelixencia Artificial xenerativa deseñado para xerar datos de pacientes sintéticos con cancro de pulmón co obxectivo de reequilibrar os subgrupos infrarrepresentados, tomando a variable sexo coma prioridade. Dado que os algoritmos clínicos adoitan adestrarse con bases de datos nas que certos perfís teñen menor presenza, este reequilibrio resulta esencial para garantir que os modelos funcionen coa mesma precisión en toda a poboación, reforzando a seguridade e a equidade na atención sanitaria.

Tras superar esta primeira etapa, o grupo investigador do CHUP pontevedrés atópase inmerso na fase Advance -que se estenderá ata febreiro de 2027- na que desenvolverá e validará o prototipo dentro dunha contorna segura de procesamento utilizando infraestruturas europeas de supercomputación, coma o superordenador LEONARDO de CINECA. De superar a avaliación intermedia, o equipo presentará a súa solución nunha demostración en directo en Bruxelas en febreiro do vindeiro ano para optar ao premio final da súa categoría.

Este logro pon de relevo o potencial innovador dos profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e a súa capacidade para liderar proxectos tecnolóxicos de vangarda no marco do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur -espazo multidisciplinar, creado mediante convenio entre a Consellería de Sanidade, a Universidade de Vigo e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur-.

Comparte este artigo