O BNG denuncia a mala xestión económica do PP que obriga ao concello de Marín a presentar un Plan Económico Financeiro

Redacción

Tino Iglesias considera preocupantes as medidas recollidas no Plan Económico Financeiro presentado polo PP, especialmente a decisión de non ampliar o persoal municipal, malia que o propio informe de Intervención recoñece a falta de traballadores para atender adecuadamente os servizos básicos

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) cuestiona a xestión económica do goberno local do Partido Popular (PP) tras a presentación do Plan Económico Financeiro (PEF) para os exercicios 2026 e 2027, que o Concello está obrigado a elaborar polos incumprimentos detectados na liquidación do orzamento de 2025.

Para o BNG, esta situación contrasta co discurso dun goberno que leva anos presentando os seus orzamentos como os máis realistas e equilibrados da historia, pero que posteriormente recorre de maneira reiterada a suplementos de crédito para modificar as previsións inicialmente aprobadas.

Segundo o informe de Intervención, a liquidación de 2025 presenta unha necesidade de financiamento de 584.691,51 euros, o que reflicte un desequilibrio entre ingresos e gastos segundo as regras de estabilidade orzamentaria, e un incumprimento da regra de gasto de 823.782,24 euros, ao superar o límite legal de crecemento do gasto. O propio informe sinala entre as causas: o incremento dos gastos correntes e dos investimentos, a diminución de determinados ingresos e as dificultades para financiar os servizos públicos.

Ante estes problemas, o plan presentado pola Alcaldía propón non aumentar o número de traballadores municipais durante 2026 e 2027, conter os gastos habituais, reforzar os controis para evitar gastos sen autorización ou sen crédito suficiente e reducir as cantidades pendentes de incorporar ao orzamento. En materia de ingresos, non contempla medidas correctoras para 2026 e limita as previstas para 2027 a mellorar a xestión das subvencións doutras administracións, cun efecto estimado de 180.000 euros.

Tino Iglesias, concelleiro do BNG, considera que estas medidas evidencian a mala planificación económica do PP. O edil nacionalista cualifica de especialmente preocupante que o goberno propoña non ampliar o persoal cando o propio informe de Intervención recoñece a falta de traballadores para atender adecuadamente servizos básicos como o abastecemento de auga, o saneamento, o alumeado público ou as obras municipais. A isto súmase o incremento dos custos dos servizos contratados a empresas privadas, que agrava as dificultades económicas do Concello.

Neste contexto, o BNG lembra que o concelleiro do PP Manuel Santos recoñeceu repetidamente que o goberno local leva anos sen actualizar as taxas municipais e que terá que facelo nos próximos exercicios se continúa gobernando. Para Iglesias, estas declaracións evidencian que o PP leva anos adiando decisións por cálculo político e agora pretende corrixir os desequilibrios cun plan que vai a repercutir na calidade dos servizos que recibe a veciñanza.

O BNG considera que o Plan Económico Financeiro deixa en evidencia as contradicións dun goberno que presumía de aprobar os mellores orzamentos da historia, pero que non foi quen de dar resposta ás necesidades reais de Marín.

Comparte este artigo