O Rosal, exemplo de boas prácticas en saúde ambiental polo proxecto innovador das comunidades enerxéticas

Redacción

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, compartiu a experiencia rosaleira xa en marcha para a promoción dun modelo enerxético máis sostible e participativo nunha xornada impulsada pola USC

A transición enerxética tamén se constrúe desde os concellos, coa implicación da veciñanza e con proxectos que permiten avanzar cara a un futuro máis sostible. O Rosal está a demostrar que os municipios poden desempeñar un papel activo neste cambio a través do impulso das comunidades enerxéticas, unha experiencia que a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, compartiu este luns nas II Xornadas de Boas Prácticas Comunitarias en Saúde Ambiental, celebradas no marco dunha iniciativa promovida pola Cátedra Institucional de Saúde Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela coa Escola Galega de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta.

A rexedora participou como relatora no bloque dedicado ás iniciativas comunitarias, cunha intervención centrada nas comunidades enerxéticas do Rosal, un modelo que busca situar a cidadanía no centro da transición enerxética e favorecer unha maior participación local na produción e no aproveitamento de enerxías renovables.

Neste contexto, proxectos innovadores xa en marcha como O Rosal Enerxía representan unha aposta por explorar novas fórmulas de organización comunitaria arredor da enerxía, promovendo un sistema enerxético máis próximo, colaborativo e respectuoso co medio ambiente, no que a veciñanza poida asumir un papel protagonista e beneficiarse das oportunidades que ofrece a enerxía compartida.

A alcaldesa destacou a importancia de que a transición enerxética chegue tamén ao ámbito local. “Queremos que a sostibilidade non sexa só un concepto ou un obxectivo a longo prazo, senón algo que a veciñanza poida incorporar á súa vida cotiá. As comunidades enerxéticas abren a porta a unha maneira diferente de entender a enerxía, na que as persoas deixan de ser unicamente consumidoras para participar activamente nun modelo máis xusto e sostible”, sinalou.

A participación do Rosal nas xornadas permitiu dar visibilidade a esta liña de traballo municipal e compartir a súa experiencia con outros concellos e profesionais interesados en impulsar iniciativas que conecten a sustentabilidade ambiental co benestar da poboación. O programa incluíu iniciativas sobre mesas de convivencia agroambiental, recuperación de recursos hídricos, refuxios climáticos, campamentos verdes e comunidades enerxéticas ou sobre o Plan de Saúde Ambiental de Galicia 2026-2030, as temperaturas extremas e a mortalidade.

Comparte este artigo