Domínguez critica a dobre vara de medir de Lores: non aos eólicos na Fracha e si á megaplanta de compostaxe da Canicouva

Redacción

● O líder do Partido Popular de Pontevedra entende que “a priori, A Fracha non me parece a mellor localización para instalar os muíños, agora ben, debemos agardar a ver o que din os informes técnicos”

● O centro de tratamento do lixo instalaríase nunha parcela de case 100.000 metros cadrados e xeraría un tráfico diario de camións de alto tonelaxe polas pistas do monte da Fracha

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, critica a dobre vara de medir do Goberno de Lores, que por un lado rexeita rotundamente a instalación de eólicos no monte da Fracha mentres proxecta, nese mesmo espazo, un centro de tratamento de lixo. Domínguez pide agardar a escoitar os informes técnicos para ver se se axustan ou non á legalidade

Domínguez entende que o Goberno do BNG está a actuar cunha dobre vara de medir, pois mentres proxecta unha megaplanta de compostaxe que suporá, ademais, a creación de infraestruturas viarias para o paso diario do tráfico de camións de alto tonelaxe que xerará este centro de tratamento do lixo pon unha barreira para os eólicos. “Entendemos que se Lores se pecha en banda para os eólicos tamén o fará para este centro de compostaxe”, considera o líder do PP de Pontevedra.

O portavoz do Partido Popular da cidade do Lérez, entende que “a priori a Fracha non me parece a mellor localización para instalar uns muíños eólicos, agora ben, debemos agardar a ver o que din os informes técnicos, porque nós sempre vamos coa legalidade vixente por diante”.

“O que nos estraña é que se pechen en banda cos eólicos” mentres eles mesmos promoven unha planta de compostaxe nunha parcela de preto de 100.000 metros cadrados e cunha edificación duns 4.500 metros cadrados, explica Domínguez. Este proxecto tamén implicará a creación de infraestruturas viarias que acollerán un continuo tráfico de camións de alto tonelaxe nun espazo natural tan importante para a cidade de Pontevedra como é o monte da Fracha.

Para o líder do Partido Popular de Pontevedra está claro que o Goberno de Lores defende máis os seus intereses partidistas que os intereses dos veciños. Domínguez considera que Pontevedra precisa recuperar unha xestión seria, responsable e coherente en todos os sentidos. O mesmo sucede a nivel estatal, que precisa tamén de xestores de primeiro nivel para devolverlle a España a decencia, o respecto á lei e o sentido común, algo que chegará da man de Alberto Núñez Feijóo a partir do vindeiro 29 de novembro.

Comparte este artigo