O Concello organiza en novembro e decembro tres charlas de balde dedicadas ao megalitismo galego, ao mundo das lampreas e á arquitectura tradicional
O Rosal viaxa ás súas raíces nunha nova edición das Xornadas de Patrimonio, unha cita xa consolidada co coñecemento, a historia e a memoria colectiva que este ano chega á súa sexta edición. O Concello organiza tres encontros abertos a todos os públicos, que se celebrarán entre novembro e decembro no Centro Social Polivalente e que permitirán achegarse á riqueza do patrimonio material e inmaterial desde diferentes perspectivas.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, resalta a importancia de seguir creando espazos para coñecer e valorar o patrimonio, porque “coidar o que somos comeza por coñecer de onde vimos. Estas xornadas permítennos descubrir historias, saberes e elementos da nosa contorna que forman parte da nosa identidade e que merecen ser estudados, compartidos e transmitidos ás novas xeracións”.
Das paisaxes megalíticas ao mundo das lampreas
A programación arrancará este sábado 21 de novembro ás 12.00 h coa conferencia ‘O megalitismo galego’, que reunirá a tres especialistas vinculados á Universidade de Santiago de Compostela para achegar ao público diferentes perspectivas sobre as paisaxes megalíticas. Participarán Miguel Carrero Pazos, profesor de Prehistoria na USC especializado no estudo espacial das paisaxes megalíticas; Noemí Silva Sánchez, doutora pola mesma universidade e especialista en arqueoloxía ambiental, que abordará como os estudos paleoambientais en turbeiras permiten reconstruír a historia destas paisaxes; e Raúl Pérez Torrado, investigador predoutoral especializado en paleopalinoloxía, cun traballo centrado no estudo das paisaxes megalíticas do noroeste peninsular.
A segunda cita será o venres 27 de novembro, ás 20.00 horas, con ‘De viaxe polo fascinante mundo das lampreas’, unha conferencia impartida por M. A. Pombal, Peque, catedrático da Universidade de Vigo e membro de ANABAM.
As VI Xornadas de Patrimonio pecharanse o venres 11 de decembro, ás 20.00 horas, coa conferencia ‘Terra e cal na arquitectura tradicional galega’, a cargo de María Teresa Gómez Morgade, doutora arquitecta con máis de 25 anos de experiencia profesional e especializada na rehabilitación e protección do patrimonio cultural.
O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, pon en valor a diversidade temática desta nova edición. “O patrimonio non son só os monumentos ou os restos arqueolóxicos. Tamén está na nosa relación coa natureza, nos oficios, nos materiais e nos coñecementos que fomos transmitindo ao longo das xeracións. Queremos que estas xornadas nos axuden a mirar a nosa contorna con outros ollos e a comprender mellor todo o que temos ao noso redor”, explica.

