As oficinas de Panxón e A Ramallosa abriron desde maio a outubro, financiando a Deputacion de Pontevedra a contratación de dúas auxiliaries de turismo desde o 15 de xullo ao 11 de outubro
Este servizo de información compleméntase coa web www.caminonigran.com, creada polo Concello o ano pasado
A oficina da Ramallosa recibíu 11.063 consultas, a meirande parte de peregrinos, fronte ás 2.977 de Panxón
O Concello de Nigrán atendeu desde o mes de maio ao 15 de outubro a un total de 14.040 persoas interesadas en recibir información turística. As consultas realizáronse nas oficinas de Panxón e A Ramallosa, ambas adheridas a ´Rede Info Rías Baixas’, as cales contaron desde o 15 de xullo ao 11 de outubro con dúas auxiliaries de turismo contratadas a través da Deputación de Pontevedra (o tempo de apertura a maiores foi con persoal contratado a través do Plan + Provincia da Deputación).
Así, no punto de atención ao peregrino da Ramallosa sumáronse 11.063 solicitudes de información, sendo a nacionalidade estadounidense a máis presente despois da española (1.112 americanos e 2.356 nacionais). Esta Oficina da Ramallosa abríu desde o 4 de maio enfocada ao camiñante (con horario desde as 7:00 horas por ser ese o momento de maior transito) con gran afluencia de persoas. De feito, en Panxón, aberta desde o 29 de maio, recibíronse 2.977 consultas sendo 814 españois seguidos tamén de estadounidenses (63). O terceiro lugar de nacionalidades o ocupa Alemania (796 en total), seguido de Italia (751), Polonia (527), Portugal (390), Venezuela (358), Reino Unido (348), México (286), Canadá (211) e ata un total de 75 países de lugares tan remotos como Uzbequistán, Malasia, Nepal, Rusia, Xapón, Sudáfrica, Australia, China…
“A oficina de Ramallosa está situada nun lugar clave para asesorar correctamente ao peregrino, xa que nese punto poden escoller entre seguir polo Camiño oficial que vai polo interior de Nigrán ou elixir o itinerario alternativo pola costa”, explica o alcalde, Juan González.
Neses meses atenderon fundamentalmente a peregrinos, pero tamén a turistas que se atopaban aloxados no municipio, e incluso veciñanza que buscaba información sobre actividades ou eventos.
Este servizo de información compleméntase coa web www.caminonigran.com, creada polo Concello o ano pasado e dirixida exclusivamente aos peregrinos. Nesta plataforma o camiñante pode programar a súa viaxe ou improvisar sobre a marcha, pero sempre con información oficial actualizada e xeolocalizada. Aquí atopa desde que variante elixir (a oficial de costa ou a opción máis litoral) a onde parar a dormir, comer, descansar, beber nunha fonte pública ou en qué nivel está a marea (especialmente importante na variante máis litoral)…
Cifras récord
O Camiño Portugués de la Costa bate records ano a ano, superando xa por primeira vez a barreira dos 100.000 peregrinos, cando aínda non rematou 2026. Segundo os datos da Xunta, ata o 8 de outubro recolleran a compostela un total de 100.209 camiñantes, por enriba dos 89.503 rexistrados durante todo o exercicio anterior. O roteiro rexistrou este mes de setembro a 20.281 peregrinos, unha cifra que supera os 18.455 de maio deste ano e os 16.071 contabilizados en setembro de 2025. O incremento reflicte a gran popularidade deste itinerario que percorre a costa portuguesa e entra en Galicia pola Guarda para atravesar municipios como Baiona, Nigrán e Vigo en dirección a Santiago.

