O podcast “25N o padroado de proteción á muller”, de Nuria López, gaña o VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo

Redacción

• O Concello de Redondela outorga o premio de xornalismo ético no tratamento da violencia machista ao monográfico dedicado ao Padroado de Protección á Muller, emitido con motivo do 25N. O xurado valora a súa achega á recuperación da memoria das mulleres represaliadas polo franquismo.

• A alcaldesa, Digna Rivas, destaca “o compromiso ético e social deste traballo, que emprega o xornalismo sonoro para rachar silencios, combater o negacionismo e dignificar a memoria das mulleres que padeceron a violencia institucional e de xénero”.

O Concello de Redondela, en colaboración coa familia Mateo, outorga o VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista á xornalista Nuria López Presedo. O traballo premiado é o episodio “25N-O Padroado de Protección á Muller”, que forma parte do podcast “A ferida aberta no 36”.
O traballo recoñecido nesta sexta edición é o capítulo 24 da primeira temporada do espazo sonoro, publicado o 24 de novembro de 2025. O episodio aborda unha realidade silenciada durante décadas en Galicia e no resto do Estado: o encerro de milleiros de nenas e mulleres nos reformatorios do Padroado de Protección á Muller. Esta institución franquista foi creada en 1941 “para recluír a quen non encaixaba na moral católica imposta polo réxime”, sinala a autora, e mantívose operativa ata 1985.
Rigor histórico e voz ás vítimas
A través da análise da investigadora Belén López Cillero e dos testemuños de familiares de vítimas como Loli Benito, Paca Blanco e Eva García de la Torre —recoñecida polo Goberno como vítima do franquismo—, o capítulo denuncia os abusos, a perda de liberdade e as secuelas que sufriron estas mulleres. A alcaldesa, Digna Rivas, destaca “o compromiso ético e social deste traballo, que emprega o xornalismo sonoro para rachar silencios, combater os discursos negacionistas e dignificar a memoria das mulleres que padeceron a violencia institucional e de xénero”. O podcast “A ferida aberta no 36” está dispoñible en plataformas como Spotify, iVoox e YouTube, e foi tamén finalista nos premios Youtubeiras+ 2025.

O acto oficial de entrega do VI Premio Sesé Mateo, que conta cunha dotación económica de 1.500 euros, terá lugar o xoves 26 de novembro ás 12:00 horas na Oficina de Turismo de Redondela. A cerimonia enmárcase na programación municipal do 25N baixo o lema «Game Over. A violencia machista non é un xogo».

En edicións anteriores o galardón recoñeceu os traballos de Patricia Costa (2021), Cristina García (2022), Ana González (2023), Macarena Baena e Laura de Grado (2024) e Cláudia Morán, Marta Veiga Izaguirre e Marta Otero (2025).

Comparte este artigo