A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 28 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar ao mediodía de hoxe no salón de plenos.
Licenzas (4). Concedeu as licenzas de obra para os proxectos de reforma dunha vivenda en Paradela (Vilar de Astrés), de ampliación doutra en Ludeiros (tamén en Vilar de Astrés) e para a legalización e o remate das obras nunha vivenda na rúa Licenciado Molina. Tamén aprobou a rectificación dun acordo aprobado nunha sesión anterior, relativo a unha licenza de obra nun inmoble na rúa Boavista, en Eiroás.
Patrimonio (1). Requiriu unha compañía aseguradora para que indemnice ao Concello polos danos causados por un vehículo nun bolardo da rúa Samuel Eiján.
Rehabilitación (1). Recoñeceu a obriga de pagamento dunha subvención por importe de 56.287 euros para obras de rehabilitación dun inmoble en Seixalbo, dentro do Programa Axudas de Barrio, Next Generation EU.
Infraestruturas (1). Declarou aprobada a compensación en especie, por parte da empresa Viaqua, Gestión Integral de Aguas de Galicia, S.A.U. ao Concello polos importes percibidos en concepto de amortización de investimentos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026; un período no que a concesionaria seguiu prestando o servizo de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais malia o vencemento do contrato. Como compensación, a empresa executará a obra de eliminación de puntos de vertedura ao regato do Chis – Fase I: rúa da Marquesa, cun orzamento de execución de 249.996,69 euros (sen IVE).
Xestión económica e orzamentaria (1). Aprobou unha relación de facturas de anos anteriores que non puideron seguir a tramitación ordinaria para seren aprobadas nos ditos exercicios.
Recursos humanos (3). Validou a omisión da función interventora e o gasto comprometido en tres expedientes relativos a atribucións temporais de funcións.
Xuventude (1). Deu o visto e prace ao convenio entre o Concello de Ourense e a Asociación Xuvenil Amencer, regulador da subvención municipal nominativa a esta entidade, por importe de 18.000 euros para os gastos das actividades do Campamento Urbano 2026.
Artes e festexos (1). Aprobou o convenio de colaboración entre o Concello e o Liceo de Ourense para o ano 2026. Segundo o acordo aprobado, o Concello proporcionaralle á entidade cultural unha subvención nominativa por un importe de 9.000 euros.
Avogacía consistorial (14). Deu conta de tres sentenzas ditadas polo tribunal de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo Praza número 2 de Ourense. Ademais, o Concello foi emprazado para comparecer e personarse en calidade de demandado en 11 procedementos diante dos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, prazas número 1 e 2 de Ourense.
Fóra da orde do día (1). Aprobou a creación e regulación do Rexistro Municipal de Convenios do Concello de Ourense, que será adscrito á Oficialía Maior.

