O alcalde destaca o papel da popular veciña onte como «icona da lonxevidade da provincia»
Esperanza Cortiñas, que cumprirá 110 anos o vindeiro 3 de decembro, será a encargada de premer o botón de acendido das luces do Nadal de Ourense 2026. O acto celebrarase o venres, 4 de decembro, ás 20.00 horas, na Alameda.
Así o anunciou esta mañá o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome: «Ourense ten a honra de que a súa centenaria máis célebre sexa a protagonista do acendido», manifestou o rexedor, quen salientou o papel da homenaxeada como «unha icona da lonxevidade da provincia de Ourense, provincia con máis centenarios por habitante de España».
Cortiñas, veciña do barrio da Ponte, protagonizará este momento xusto un día despois do seu aniversario número 110. Será a segunda ocasión na que o faga, pois xa hai catro anos acendera a iluminación destas festas na cidade, acadando unha gran repercusión local e mesmo nacional.
Concerto de La Banda de Ayer
A xornada festiva completará a súa programación coa actuación musical de La Banda de Ayer, unha formación orixinaria de Gondomar integrada por tres vocalistas e catro instrumentistas. O grupo repasará grandes éxitos do pop e do rock das décadas dos 80, 90 e 2000 no marco da súa xira Vintage Tour 2026.

