A Xunta e o concello de Sada destinan 7 M€ á execución de melloras para reducir o risco de inundacións no Rego Maior e protexer o núcleo urbano de enchentes

Redacción
  • Nicolás Vázquez Iglesias explica que a intervención proxectada permitirá a apertura de tramos ata agora canalizados e que mediante a creación de canles de alivio se mellorará a drenaxe na desembocadura, reducindo así o risco de asolagamento
  • Incide en que hai que anticiparse, identificar as zonas vulnerables e desenvolver infraestruturas que minimicen os riscos tanto para preservar os bens localizados na contorna como para garantir a seguridade da veciñanza

O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, e o alcalde de Sada, Benito Portela, asinaron hoxe un convenio de colaboración para acometer melloras estruturais coas que reducir o risco de inundacións na contorna do rego Maior e protexer o núcleo urbano de posibles enchentes.

Segundo explicou o conselleiro, a actuación, que suporá un investimento de 7 millóns de euros e que será financiada ao 50% pola Administración autonómica e a local, resolverá o problema estrutural do treito soterrado do rego Maior que transcorre polo centro urbano da localidade, o que condiciona a capacidade de drenaxe e pode agravar os efectos de episodios de choiva intensa.

En concreto, acometerase a apertura de tramos ata agora canalizados e, ademais, mediante a creación de canles de alivio mellorarase a drenaxe na desembocadura reducindo o risco de enchentes. Así mesmo, o proxecto, que será cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027 no ámbito das medidas de adaptación ao cambio climático, prevención de riscos e protección fronte ás inundacións, tamén inclúe melloras de integración urbana, mobilidade peonil e rodada, zonas de esparexemento para a poboación e espazos axardinados.

O conselleiro incidiu en que non só hai que actuar cando se produce un episodio de asolagamento, senón que tamén hai que anticiparse, identificar as zonas vulnerables e desenvolver infraestruturas que reduzan os riscos tanto para protexer os bens da contorna como para garantir a seguridade da veciñanza.

De feito, Vázquez Iglesias explicou que esta actuación se enmarca no Plan de xestión do risco de inundación de Galicia Costa 2021-2027 (PXRI), que define las liñas básicas para previr e minimizar os impactos derivados de eventuais desbordamentos nas áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSI) -entre as que se inclúe a contorna do rego Maior- da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Así, abarca todos os aspectos da xestión do risco de inundación, centrándose na prevención, na protección, na preparación, na recuperación e na avaliación, incluíndo tamén a previsión de crecidas e os sistemas de alerta temperá, tendo en conta as características particulares das concas.

Comparte este artigo