AMEI Tui culmina o proxecto «A Capitá Lúa e o Mar dos Estereotipos», impulsado co apoio do Plan Social ENCE

Redacción

A iniciativa permitiu distribuír 1.500 exemplares do conto coeducativo e desenvolver 25 talleres educativos para promover a igualdade, a corresponsabilidade e o respecto polo medio ambiente desde a infancia.

A Asociación Mulleres en Igualdade de Tui (AMEI Tui) está a finalizar unha nova edición do proxecto Contos Coeducativos, desenvolvido co apoio do Plan Social ENCE 2026, que nesta ocasión tivo como protagonista o conto ilustrado «A Capitá Lúa e o Mar dos Estereotipos».

Ao longo do proxecto distribuíronse 1.500 exemplares do conto e desenvolvéronse 25 talleres educativos dirixidos ao alumnado de Educación Infantil e Primaria dos centros escolares de Pontevedra, Marín e Poio.

A través das aventuras de Lúa, unha nena que desafía os estereotipos para converterse en capitá dun barco, o alumnado puido reflexionar sobre a igualdade de oportunidades, a ruptura dos roles de xénero, a corresponsabilidade e a importancia de protexer o medio mariño.

As actividades combinaron a narración do conto con dinámicas participativas e propostas educativas adaptadas ás distintas idades, favorecendo a implicación activa das nenas e nenos e a aprendizaxe de valores desde unha perspectiva lúdica e próxima.

Ademais, o proxecto incorporou unha guía didáctica para o profesorado e recursos educativos en formato dixital, co obxectivo de facilitar a continuidade do traballo nas aulas unha vez rematadas as actividades presenciais.

Con esta iniciativa, AMEI Tui continúa consolidando a súa colección Contos Coeducativos, unha liña de traballo que utiliza a literatura infantil como ferramenta de sensibilización e transformación social, achegando aos centros educativos materiais para fomentar unha sociedade máis igualitaria e comprometida co medio ambiente.

Desde AMEI Tui quérese agradecer especialmente o apoio do Plan Social ENCE, que fai posible continuar desenvolvendo proxectos educativos que achegan a igualdade, a sustentabilidade e o respecto á diversidade ás novas xeracións.

Proxecto desenvolvido co apoio do Plan Social ENCE 2026.

Comparte este artigo