O BNG pide máis forza en Madrid para que Vigo saia do bucle de promesas e incumprimentos no que leva metido máis dun cuarto de século

Redacción

Carme da Silva subliña que é fundamental trasladar ao país o centro de análise, planificación e decisión sobre as infraestruturas

Advirte de que o Bloque non se vai conformar con maquillaxes ante agravios históricos que seguen sen resposta

“Vigo ten que saír do bucle de promesas, incumprimentos, promesas, retrasos, promesas, incumprimentos… no que leva metida a cidade durante máis dun cuarto de século”. Así de tallante amosouse hoxe en Vigo a candidata do BNG ao Congreso Carme da Silva sobre as necesidades en materia de infraestruturas, poñendo sobre a mesa o compromiso do Bloque de esixir e impulsar actuacións estratéxicas de mobilidade referidas a estradas, tren, aeroporto e porto. A nacionalista subliñou que é fundamental trasladar ao país o centro de análise, planificación e decisión sobre as infraestruturas e non conformarse con maquillaxes ante agravios históricos que seguen sen resposta.

A cabeza de lista fixo estas declaracións tras participar nun encontro interparlamentar acompañada polo voceiro municipal, Xabier P. Igrexas, e representantes do grupo municipal e do Parlamento galego no que a organización nacionalista puxo en común a súa ofensiva política para “petar sobre a mesa” e reclamar solucións. Salientou que todas as infraestruturas deben planificarse desde unha visión de conxunto, intermodal e conectada coas necesidades sociais e económicas de Galiza, incluídas as relacións con Portugal.

A candidata puxo como exemplo máis evidente da falta de compromiso do Estado con Vigo a saída sur ferroviaria. Lembrou que o primeiro estudo desta conexión empeza no ano 2000 e, 26 anos despois, segue sen estar concluído. “As conexións de Vigo con Portugal, e polo tanto de toda Galiza co país veciño, son estratéxicas para nós, pero non o son para Madrid”, denunciou, incidindo en que o centro de decisión das infraestruturas do Estado continúa situado na capital española, afastado da realidade e das prioridades galegas.

Neste sentido, reivindicou a necesidade de contar cun BNG con máis forza no Congreso para que Vigo poida decidir sobre as infraestruturas que precisa e non teña que conformarse co que se planifica desde Madrid. “É unha cuestión de peso político, de trasladar o centro de análise e planificación das necesidades a Vigo e tamén a capacidade de decisión”, afirmou.

Outro dos grandes compromisos que o Bloque levará ás Cortes é a implantación dun verdadeiro servizo ferroviario de proximidade para Vigo e toda a área de Vigo-Pontevedra. Da Silva lembrou que foi o BNG quen conseguiu introducir esta reivindicación na axenda política e de transportes do Estado e comprometeuse a seguir presionando para que sexa unha realidade na próxima lexislatura. “Non nos podemos conformar con maquillaxes, con incrementar minimamente as frecuencias ou con ofrecer billetes de media distancia e cambiarlles o nome. Esiximos un servizo de proximidade que responda realmente ás necesidades de mobilidade dunha área urbana desta dimensión”, subliñou.

A ofensiva nacionalista inclúe tamén o impulso do transporte ferroviario de mercadorías, a súa conexión con Portugal e a integración das diferentes infraestruturas loxísticas. Da Silva advertiu de que non é posible avanzar na descarbonización do transporte sen ofrecer alternativas ferroviarias reais ao traslado de mercadorías por estrada. “Hai que sacar camións das estradas e contar cun transporte ferroviario adecuado ás necesidades produtivas e loxísticas de 2026”, defendeu.

No ámbito aeroportuario, o BNG reclama un plan integral de dinamización de Peinador que permita potenciar a súa capacidade como nodo de transporte de pasaxeiros e mercadorías, mellorar as conexións e garantir unha ligazón adecuada co porto e co transporte público. A candidata incidiu en que non ten sentido contar cun aeroporto estratéxico para toda esta área se non dispón de conexións públicas que permitan acceder a el e desprazarse desde el. Así mesmo, defendeu unha planificación coordinada dos tres aeroportos galegos fronte á competencia localista, para que funcionen como un verdadeiro sistema aeroportuario ao servizo do país.

A respecto do porto, Da Silva lembrou que Vigo é unha cidade inseparable do mar e da súa actividade portuaria, polo que reclamou o recoñecemento de Vigo como porto nodal, a súa integración no corredor atlántico de mercadorías e unha conexión ferroviaria que permita avanzar na intermodalidade e na descarbonización do transporte. “O porto é unha infraestrutura fundamental para Vigo e ten que recibir o tratamento que lle corresponde pola súa importancia económica e produtiva”, sinalou.

A candidata chamou a aproveitar a cita electoral do 29N para frear a involución e reforzar a presenza galega nas institucións do Estado. “Quen queira que Galiza conte, que os problemas de comunicación e mobilidade desta área teñan unha voz forte que os defenda en Madrid pode confiar no BNG”, afirmou. Un chamamento a apoiar o equipo da casa, capaz de coñecer de primeira man as necesidades do territorio e de defendelas sen subordinar os intereses de Vigo e de Galiza ao centralismo madrileño.

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, destacou que o encontro interparlamentar serviu para coordinar a acción política das representantes nacionalistas nas distintas institucións e reforzar a ofensiva para reclamar a atención que merece a maior cidade de Galiza. Igrexas incidiu en que o voto ao BNG o 29 de novembro será “un voto firme para defender de verdade os intereses de Vigo en Madrid”, cunha axenda propia que sitúe no centro a mellora das conexións ferroviarias, a potenciación de Peinador e o impulso do porto.

Comparte este artigo