Neda inicia as inscricións para a merenda de Nadal da terceira idade, programada o 18 de decembro

Redacción

A falta de pouco máis dun mes para o Nadal, o Concello de Neda abre o prazo de inscrición para a tradicional merenda da terceira idade, unha das citas imprescindibles da programación especial. A veciñanza residente na localidade pode xa anotarse nesta proposta, programada para o día 18 de decembro. 

A actividade, que se desenvolverá no centro cívico da vila, busca xuntar aos maiores da localidade, ofrecendo a escusa perfecta para animalos a saír da casa nunhas datas que, para moitos, son sinónimo de melancolía.

Os doces serán os grandes protagonistas da merenda do Nadal. Así, os participantes  poderán degustar, ademais dun chocolate con churros ben quentiño, o típico Roscón de Reis. Non faltará tampouco a animación musical, a cargo de Alejandro Caribe, e o habitual sorteo de regalos. 

A iniciativa é de balde para os residentes da localidade, que poderán apuntarse nas oficinas de Servizos Sociais do Concello ata o 11 de decembro. As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. No caso de que queden vacantes, abrirase os días inmediatamente anteriores á cita un novo prazo de inscrición para que se poida sumarse xente doutras localidades, abonando a cota 5 euros.

Comparte este artigo