O Concello de Santiago, a través do Servizo de Supervisión de Proxectos e Obras do Concello de Santiago, trasladou formalmente á Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Xunta de Galicia, unha comunicación informando das incidencias detectadas no carril bici que une Santiago de Compostela co Milladoiro (Ames), inaugurada no mes de agosto.
A través desta comunicación, o Concello solicita que o servizo competente da Xunta de Galicia valore as deficiencias identificadas e adopte as medidas precisas para corrixilas. O documento presentado ante a Administración autonómica expón unha relación de incidencias atopadas nesta infraestrutura de recente posta en marcha e acompáñase dunha relación de fotografías que documentan a situación xeral da vía. Algunhas das eivas reportadas poden comprometer a seguridade de ciclistas e viandantes.
As incidencias detectadas abranguen diversas tipoloxías e requiren para a súa solución tanto de traballos de limpeza como de mantemento da infraestrutura. No que se refire ao pavimento, este atópase deteriorado na área das piscinas de Sar, afectando ás condicións de circulación. Ademais, o Servizo de Supervisión de Proxectos e Obras identifica unha área de firme en mal estado no aparcadoiro situado á altura do número 74 da rúa de Sar, onde se require unha mellora urxente.
Do mesmo modo, foron detectadas varias deficiencias na capacidade de drenaxe da vía. Por unha banda, faltan reixas a tal fin na entrada do túnel que se dirixe ao Milladoiro, situación que pode xerar riscos para as persoas usuarias. Igualmente, a canalización e evacuación de augas rexistra eivas que causan escorras e arrastres de material sobre o trazado. No lugar da Cruxeira, o tránsito pode verse mesmo dificultado.
En canto á vexetación, a inspección detectou a invasión de varios puntos de trazado por maleza. Hai treitos da vía onde a anchura útil se reduce por causa disto. Por outra banda, o Servizo de Supervisión de Proxectos e Obras constatou a existencia de papeleiras completamente cheas na vía, que evidencia a falta de limpeza e de recollida habitual de residuos.
O alumeado da vía é outro dos puntos que precisa dunha mellora. As luminarias actualmente instaladas non funcionan nalgúns lugares, e na zona das piscinas do Sar existen tramos que carecen por completo de iluminación durante as horas nocturnas.
Por último, existen polo menos tres puntos con deficiencias detectadas nos puntos de ferramentas para o mantemento de bicicletas: na da rúa da Decoita, á altura do número 30, o soporte das ferramentas está obstruído e non pode utilizarse; na rúa Clara Campoamor, a bomba de aire atópase avariada; e no número 74 da rúa de Sar o equipamento está mal ancorado.

