O Concello de Tomiño impulsa o debate sobre a memoria democrática no Baixo Miño

Redacción

A conferencia de Baltasar Garzón sobre a resposta aos crimes das ditaduras dende unha perspectiva internacional abriu unhas xornadas que recuperaron as historias das mulleres represaliadas polo franquismo e afondaron en como se viviu a represión no Baixo Miño.

O Auditorio de Goián acolleu este venres e sábado as xornadas de memoria democrática en lembranza de Francisco Rodríguez Otero, Paquiño de Figueiró. O seu legado foi o punto de partida dun encontro organizado polo Concello de Tomiño para achegar á veciñanza o debate sobre a investigación dos crimes do 36, o recoñecemento das vítimas e o impacto da represión franquista no Baixo Miño.

Baltasar Garzón abriu as xornadas o venres cunha conferencia na que puxo en relación distintos procesos de recuperación da memoria en países que atravesaron ditaduras e transicións democráticas. Desde a súa experiencia como maxistrado da Audiencia Nacional e como asesor da Fiscalía da Corte Penal Internacional, abordou o papel da xustiza na investigación das violacións dos dereitos humanos e a importancia de esclarecer o ocorrido para que os crimes non queden impunes e as vítimas poidan obter respostas e reparación.

Na apertura, a alcaldesa, Sandra González, quixo destacar que «lembrar a Paquiño é tamén preguntarnos cantas historias coma a súa quedaron sen contar nas nosas parroquias. Queremos que a veciñanza, e sobre todo a xente nova, saiba quen eran aquelas persoas, que defendían e por que foron perseguidas».
As mesas do sábado levaron esa reflexión á historia galega. Na primeira, Aurora Marco participou xunto ao historiador Lourenzo Fernández Prieto e ao médico forense Fernando Serrulla. A represión contra as mulleres estivo presente nas dúas conversas. As intervencións de Marco e, na segunda mesa, da xornalista e escritora Montse Fajardo recuperaron as historias das mulleres perseguidas e das que deron refuxio a outras persoas en plena represión.

Na mesa dedicada ao Baixo Miño, Fajardo compartiu conversa co investigador Quico Paz Antón e con Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña. Moderado polo historiador e escritor Bieito Alonso, a mirada local permitiu situar a represión na historia dunha comarca cun movemento agrario organizado e cunha veciñanza implicada na defensa dos seus dereitos.

A alcaldesa vinculou tamén o exercicio da memoria coa defensa das liberdades no presente «Coñecer a nosa historia axúdanos tamén a mirar para o presente e a preguntarnos que estamos dispostos a dar por bo. O autoritarismo gaña terreo cando empezamos a ver como normal que se cale a quen discrepa ou que se poñan en cuestión os dereitos e as liberdades de certas persoas», afirmou.

Comparte este artigo