A Praza do Seixo acollerá o acendido da iluminación de Nadal a partir das 18.30 horas cunha actuación coral infantil e un sorprendente espectáculo de animación de rúa da compañía Pablo Méndez Performing Arts.
Música, ilusión e moita fantasía darán a benvida ao Nadal este venres, 27 de novembro, cunha gran celebración organizada polo Concello de Tomiño que convida a pequenos e maiores a gozar dunha tarde moi especial, cunha proposta artística pensada para sorprender a toda a familia e converter o tradicional acendido das luces nun auténtico espectáculo.
A programación arrancará ás 18.30 horas coa actuación do coro infantil da Agrupación Musical do Rosal, do que tamén forman parte nenos e nenas de Tomiño. Durante media hora, as pequenas e pequenos artistas ofrecerán unha proposta na que o canto coral se combinará co movemento, pequenas coreografías e percusión corporal, cun repertorio que inclúe música en galego, panxoliñas, cancións de Nadal e temas actuais.
Ás 19.00 horas será a quenda de Pablo Méndez Performing Arts, compañía que ofrecerá unha experiencia escénica de grande impacto visual na que a enerxía, a espectacularidade e a emoción serán protagonistas da man de figuras móbiles de gran tamaño.
«Este ano quixemos preparar un inicio do Nadal moi especial, cun espectáculo diferente que sorprenda, que ilusione e que nos permita compartir unha tarde inesquecible en familia. Queremos que sexan os propios nenos e nenas os grandes protagonistas dunha celebración aberta a todo o mundo», destaca a alcaldesa, Sandra González.
O acendido marcará o inicio dunhas semanas nas que o ambiente festivo, as actividades culturais e de lecer e a dinamización comercial cobrarán especial protagonismo no municipio, cunha ampla programación que xa se pode consultar en tomino.gal.
«O Nadal é sempre unha oportunidade para reencontrarnos, para desfrutar dos nosos espazos públicos e para apoiar o comercio e a hostalaría local. Animamos a toda a veciñanza e ás persoas da contorna a achegarse este venres e a vivir con nós o comezo destas festas», sinala a rexedora.

