O Concello de Ourense obtén o Premio á Xestión Pública do Deporte nos XVII Premios Galicia á Xestión Deportiva

Redacción

O concelleiro Aníbal Pereira recollerá este venres o galardón que outorga a Asociación Galega de Xestión Deportiva

Os premios teñen como finalidade “distinguir as entidades e persoas que destacaron pola súa contribución ao desenvolvemento e excelencia da dirección e xestión do ecosistema deportivo de Galicia”

O Concello de Ourense foi galardoado co Premio á Xestión Pública do Deporte na XVII edición dos Premios Galicia á Xestión Deportiva, convocados pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE). Así o acordou por unanimidade o xurado do certame, nunha xuntanza celebrada o 16 de novembro de 2026 no Nordés Club Empresarial, na Coruña.

O concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recollerá o premio o vindeiro venres, 27 de novembro de 2026, a partir das 20.00 horas, nun acto que terá lugar no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña, ao remate do VIII Congreso Galego de Xestión Deportiva: “Deporte, Turismo e Municipio”.

Os premios teñen como finalidade “distinguir as entidades e persoas que destacaron pola súa contribución ao desenvolvemento e excelencia da dirección e xestión do ecosistema deportivo de Galicia”, segundo recollen as bases da convocatoria.

O Concello de Ourense obtivo o premio na categoría de Xestión Pública do Deporte, que recoñece “a entidade pública galega (deputacións provinciais, concellos de máis de 15.000 habitantes e calquera outra institución pública galega) que máis destacase na xestión deportiva de plans ou proxectos de actividades, espazos ou infraestruturas e calquera outro recurso que contribúa á mellora e desenvolvemento do deporte no ámbito da súa competencia”.

Outras entidades ourensás premiadas son o Club Roller Ourense (Premio á xestión deportiva con perspectiva de xénero) e o Concello de Ribadavia (Premio á xestión deportiva dun concello de menos de 15.000 habitantes).

Comparte este artigo