A Deputación aproba uns orzamentos históricos para reequilibrar o territorio e asumir competencias impropias

Redacción

As contas de 2027 medran case un 15 % ata os 155,2 millóns para reforzar a cooperación cos 67 concellos e garantir servizos esenciais como a atención ás persoas maiores, o mantemento das estradas e as emerxencias

O Plan Deputación alcanza os 25 millóns de euros e o capítulo de investimentos reais crece un 54%

A presidenta da Deputación, Carmela López, advertiu de que a pesar de que son as contas máis altas da historia da institución non son suficientes para atender as necesidades da provincia, polo que reivindicou máis investimentos da Xunta

O Pleno aproba a cesión de máis de tres quilómetros de vías urbanas aos concellos de Cospeito e Palas de Rei

O pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes os orzamentos da institución provincial para 2027, que ascenden a 155.241.120 euros, a cifra máis elevada da súa historia e case un 15% superior á do exercicio actual. As contas incrementan os recursos destinados á cooperación cos concellos, á conservación da rede viaria, á atención ás persoas maiores, á prevención e resposta ás emerxencias e ao apoio aos sectores produtivos da provincia.
Os orzamentos saíron adiante cos votos a favor dos socialistas, o BNG e o deputado non adscrito, mentres que o PP votou en contra.
A presidenta da Deputación, Carmela López, destacou que a pesar de ser as contas máis altas da historia da institución, non son suficientes para atender as necesidades dunha provincia extensa, con problemas de comunicación e de orografía e cunha poboación envellecida e dispersa, máis aínda cando, por responsabilidade, o organismo provincial se está a facer cargo de servizos que non son de competencia propia, lembrou. Por iso, de novo reivindicou un maior compromiso da Administración autonómica coa provincia e volveu poñer sobre a mesa, como fixo no Parlamento, unha proposta para pactar un modelo de financiamento municipal baseado en criterios obxectivos, transparente e estable.
López defendeu como exemplo o Plan Deputación, que ten unha parte fixa e unha variable en función da superficie do concello, do número de habitantes e de entidades poboacionais e da tasa de envellecemento, e que o próximo ano crece ata os 25 millóns de euros, 2,75 millóns máis que en 2026. Permitirá aumentar as achegas a 63 dos 67 concellos, xa que os outros catro xa reciben a contía máxima. Ademais, os anticipos poderán acadar o 80 % dos fondos asignados, fronte ao 50% que era posible ata agora.
As contas da Deputación para 2027
O Orzamento da Deputación para 2027 conta con case 20 millóns de euros máis que as vixentes, fundamentalmente polo incremento da participación nos tributos do Estado, que neste exercicio ascenderá a 17.689.088 euros e se materializará no próximo ano.
“Son boas cifras, pero non me conformo e insto a outras institucións a non deixar a Lugo atrás”, afirmaba López, que defendeu tamén que seguirá asinando os convenios que sexan necesarios para tratar de equilibrar o reparto “partidista” da Xunta de Galicia.
O orzamento consolidado (Deputación e Consorcio de Bombeiros) contempla máis de 30 millóns de euros en investimentos reais, un 54% máis que a mesma partida do exercicio vixente. López contrapuxo esta cifra coa equivalente da Xunta para a provincia en 2027, que é duns 100 millóns de euros. Os Orzamentos totais da Xunta para 2027 supera os 15.000 millóns de euros, fronte aos 155,2 da Deputación.
No que respecta ao programa económico da Deputacion, se ao capítulo de investimentos reais se suman as aportacións que a Deputación fará a concellos e entidades de todo tipo (sociais, deportivas, culturais, centros docentes…) a través de distintos instrumentos, como o Plan Deputación, a cifra sitúase en 67.885.344 euros. A maiores, a esta cantidade hai que engadir o fondo que se reserva para continxencias e outros imprevistos, de 3.043.542 euros.
Máis diñeiro para estradas e emerxencias
Entre as principais partidas destacan os 31,8 millóns destinados á rede viaria (a máis extensa da provincia, con máis de 4.200 quilómetros), cifra que inclúe toda a estrutura técnica, o parque móbil e o capitulo destinado a conservación e melloras, que pasa de 18,9 a 23,1 millóns de euros.
A emerxencias destínanse 5,5 millóns para emerxencias (un 18% máis que en 2026), que permitirán avanzar na integración dos GES no Consorcio Provincial de Bombeiros, proxectar un novo parque na Montaña e mellorar na estrutura operativa e nas condicións dos bombeiros, sempre e cando a Xunta, a outra parte integrante do Consorcio, contribúa coa partida equivalente.
Máis recursos para os centros de atención ás persoas maiores
Sen unha competencia propia da Deputación senón da Administración autonómica, o goberno que dirixe López continuará mantendo e impulsando a construcción de centros de atención a persoas maiores. A este capítulo destinará 16.291.447 euros. Son 4.509.858 euros máis que en 2026 que permitirán continuar mellorando a calidade asistencial nas nove residencias que están en funcionamento (prevense novas prazas de persoal sanitario e técnico), así como seguir impulsando a construcción e a apertura de novos centros: A Pobra de Brollón, Becerreá, A Pontenova, Guitiriz, Ourol e Cervantes.
Na actualidade, as residencias da Deputación constan de 300 prazas, todas elas ocupadas.
O compromiso da Deputación coa atención a persoas maiores vai máis aló e en 2027 volverá destinar fondos para o servizo de teleasistencia domiciliaria, que é gratuíto e atende a unhas 2.000 persoas, e para axudar os concellos co Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a través do Plan Deputación. No actual exercicio foron a ese fin uns 2 millóns de euros.
Medio ambiente, Gayoso Castro, rutas fluviais…
A Deputación manterá en 2027 o apoio a sectores produtivos que son vitais para a provincia, como a gandeiría, a través de distintas fórmulas. Unha delas é a colaboración co campus universitario, que permite, entre moitas outras accións, que os seus alumnos poidan facer prácticas na Granxa Experimental de Leite Gayoso Castro. A esta instalación, que ademais presta servizos directos aos gandeiros, van destinados 2.735.695 millóns, un 22,4% máis que en 2026.
Igualmente, o turismo é un elemento motor da provincia. Ás rutas fluviais que a Deputación ofrece polo Miño e polo Sil irán destinados 1.632.408 millóns de euros, un 42% máis que neste exercicio. Á par, a Deputación seguirá facendo un esforzo especial no coidado da ampla superficie que abranguen as dúas Reservas da Biosfera que están ao seu cargo: Ancares e Terras do Miño, que suman 29 concellos e máis de 400.000 hectáreas. A elas irán 685.000 euros, un 29% máis que no actual exercicio.
Se se engaden os recursos asignados a parques e xardíns, protección e mellora do medio ambiente e centros de interpretación, a suma chega a 3.726.375 euros.

Máis persoal para as residencias e os servizos provinciais en 2027
A Deputación de Lugo tamén aprobou por unanimidade a modificación da Relación de Postos de Traballo, que permitirá crear sete prazas para os Centros de Atención a Maiores, co obxectivo de reforzar os equipos ante a ampliación do servizo e as novas esixencias normativas. Ademais, contempla a dotación de 18 prazas de persoal laboral para asumir os postos de Parques e Xardíns que actualmente se prestan a través de TRAGSA e incorporar dous novos efectivos.
Cesión de vías urbanas a Cospeito e Palas de Rei
No apartado de xestión patrimonial e cooperación municipal, o pleno aprobou tamén por unanimidade a modificación da titularidade de varios tramos de estradas provinciais en favor dos concellos de Cospeito e Palas de Rei. En total, as cesións suman 3.064 metros de vías integradas nos respectivos núcleos urbanos.
No caso de Cospeito, a medida afecta a cinco estradas provinciais —LU-P-1701, LU-P-1702, LU-P-1706, LU-P-6501 e LU-P-4401—, con tramos situados nos núcleos de Feira do Monte e Muimenta que suman 2.248 metros. E pola súa banda, Palas de Rei recibirá un tramo de 816 metros da estrada LU-P-2901, que conecta coa N-547 e que conta con beirarrúas e outras dotacións propias dunha vía urbana.
A Deputación ten en estudo outras peticións de cesións de vías, segundo informou a presidenta no pleno, nos concellos de Muras, Xermade, Foz, Sarria, O Valadouro e O Páramo. E analiza a viabilidade de solicitudes de Abadín e Negueira.
O pleno tamén aprobou por unanimidade a cesión gratuíta en propiedade ao Concello de Becerreá dun tractor Renault 6514 equipado con pala cargadora frontal, procedente do Parque Móbil provincial. O vehículo destinarase exclusivamente a servizos municipais de interese público, como o mantemento da rede viaria, a conservación de camiños, a limpeza de cunetas e a prevención de incendios no medio rural.
O estado de complexos náuticos e outras instalacións de ocio da Deputación
Durante a sesión plenaria, o goberno provincial informou tamén sobre a situación dos procedementos de explotación e adxudicación de diferentes instalacións da Deputación.
Deu conta dos acordos adoptados para garantir a continuidade da actividade en equipamentos turísticos e hostaleiros da provincia, como o Mazo de Santa Comba, o Náutico de Ponte do Sil e as instalacións de Maiorga, en Pantón, cuxas explotacións foron adxudicadas con períodos iniciais de cinco anos e posibilidade de prórroga ata un máximo de dez.
Explicou ademais que no caso do náutico de Portomarín e das instalacións de Los Robles (Lugo), os procedementos quedaron desertos e estanse a revisar os procedementos para volver a sacar a concurso as instalacións.
No caso dos Chancís e Augasmestas, as mesas de valoracion xa fixeron as propostas e continuarase co procedemento para adxudicar os complexos nas próxima semanas.
Moción para instar a Xunta a investir na provincia e en defensa dos dereitos sociais
A sesión incluíu tamén o debate de dúas mocións do grupo provincial socialista, unha en defensa dos dereitos, dos servizos públicos e da convivencia fronte ao avance da extrema dereita, e outra para reclamar uns Orzamentos da Xunta de Galicia que respondan ás necesidades da provincia de Lugo.
As dúas saíron adiante a pesar dos votos en contra do PP, grazas ao apoio do grupo socialista, do BNG e do deputado non adscrito.
Os socialistas puxeron o foco en investimentos autonómicos pendentes, na necesidade de fortalecer os servizos públicos e de que a Xunta asuma as competencias que lle son propias, como atención á infancia ou ás persoas maiores.

Comparte este artigo