O alcalde convocará un pleno extraordinario para o venres, 27 de novembro, ás 9.15 horas
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, convocará unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello para o vindeiro venres, 27 de novembro, ás 9.15 horas. O goberno municipal presentará a aprobación inicial unha proposta de modificación orzamentaria (12P), por importe de 5.472.941,59 euros, cuxa finalidade é executar investimentos na cidade utilizando fondos procedentes do remanente de tesouraría para gastos xerais.
A proposta reúne dous tipos de investimentos:
Infraestruturas viarias, mobilidade vertical e accesibilidade peonil, por importe de 4.467.229,00 €, para financiar estas 3 actuacións:
- Humanización e mobilidade vertical no entorno da rúa Río Xares: 1.567.980,00 € (IVE incluído). Consiste na instalación dun tapiz rodante no centro da rúa para salvar a pendente existente e proporcionar facilidade de desprazamento aos viandantes. As obras inclúen a repavimentación dos firmes, a renovación e/ou mellora das redes de abastecemento, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións, así como axardinamento da zona, a instalación dunha rede de rega e a implantación de mobiliario urbano.
- Humanización e mobilidade vertical no entorno da rúa San Francisco e o Auditorio Municipal: 2.015.860,00 € (IVE engadido). O proxecto inclúe, por unha banda, o acceso mediante un ascensor desde a rúa San Francisco ata a rúa Emilia Pardo Bazán, e por outra, un segundo ascensor desde esta rúa ata o Auditorio, que facilitará o acceso a este equipamento, así como á Escola Municipal de Música e Artes Escénicas ou á Biblioteca Pública. Ambas zonas conectaranse cun paso de peóns, reorganizando e humanizando toda a contorna.
- Sistema de elevación vertical na rúa Coenga: 772.389,00 € (IVE incluído). A actuación consiste na instalación dun ascensor que solucione o problema de accesibilidade e mellore a mobilidade peonil na subida da actual escalinata que une as rúas Coenga e Pena Trevinca no límite do centro histórico.
- Servizos de dirección de obras e coordinación de seguridade e saúde dos 3 proxectos: 111.000 euros
Parques, xardíns e áreas de ocio: 1.005.712,59 €
- Área de lecer con piscina no barrio de Covadonga, 968.712,59 € (IVE incluído). A proposta persegue mellorar o uso do parque mediante zonificación e incorporación de novas áreas de estancia e aumento do confort (especialmente con arboredo e zonas de sombra). O parque actual reorganizarase con percorridos principais e secundarios, zonas de estancia e áreas específicas, mantendo o carácter verde do ámbito. O proxecto inclúe:
Piscina descuberta con áreas de estancia asociadas (sol e sombra).
Edificio de vestiarios e dependencias técnicas.
Pista polideportiva polivalente.
Dotación específica de área canina.
Dotación específica de área infantil.
Miradoiro como balcón urbano sobre o noiro cara ao vial perimetral.
- Servizos de dirección de obras e coordinación de seguridade e saúde do proxecto: 37.000 euros.

