— A primeira edición deste encontro reúne a máis de 100 empresas galegas para proxectar internacionalmente a singularidade da oferta turística do destino
— O director de Turismo de Galicia salientou a colaboración con Virtuoso, a principal rede internacional especializada en turismo premium, como oportunidade para reforzar a presenza de Galicia nos mercados internacionais de maior valor engadido
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe nun acto institucional no marco da primeira edición de Viaxa!, a Feira Profesional de Turismo Internacional, onde destacou a importancia deste tipo de encontros para impulsar a internacionalización da oferta turística galega e avanzar no posicionamento de Galicia como destino de turismo premium.
Xosé Merelles resaltou o apoio da Xunta ao nacemento desta iniciativa, que se celebra do 23 ao 26 de novembro na Coruña e Santiago de Compostela, no marco da aposta por esta liña de traballo recollida na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, que aposta por consolidar un modelo turístico máis diversificado e cun maior impacto económico no territorio.
Esta cita reúne a máis de 100 empresas galegas e preto de 30 turoperadores internacionais procedentes de Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Suíza, Polonia e India. Un encontro que permite conectar directamente a oferta turística galega con compradores estranxeiros, favorecer acordos comerciais e dar a coñecer experiencias diferenciadas e de alto valor engadido.
A xornada celebrada na Coruña centrouse precisamente no segmento do turismo premium, cun espazo expositivo dedicado aos xeodestinos e aos atractivos da provincia, complementado con reunións comerciais entre empresas e operadores internacionais.
Neste contexto, salientouse o traballo que está a desenvolver Turismo de Galicia para deseñar unha proposta turística que achegue singularidade á comunidade e permita consolidala como destino premium, elevando a calidade da súa oferta complementaria.
Galicia conta para iso con atractivos diferenciais como as vilas termais, os edificios históricos, os espazos singulares e unha rede de pazos que permiten ofrecer experiencias exclusivas en contornos únicos, vinculadas á cultura, ao patrimonio, á natureza e á gastronomía.
Nesta aposta enmárcase tamén a colaboración iniciada nos últimos anos con Virtuoso, a principal rede internacional especializada en experiencias de viaxe premium.
O programa continuará mañá en Santiago de Compostela cunha xornada dedicada ao Camiño de Santiago, na que se abordarán os seus distintos itinerarios, as necesidades das persoas peregrinas e os servizos complementarios que poden enriquecer a experiencia.

