Roi Fernández destacou que para acadar unha xestión eficaz da auga, ademais de contar cunhas infraestruturas hidráulicas eficientes, é clave apostar pola gobernanza conxunta
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, participou hoxe no foro Future4 Water 2026, en Madrid, onde expuxo as liñas estratéxicas da Xunta na xestión hídrica en Galicia.
Esta xornada, organizada pola Revista Técnica de Medio Ambiente (RETEMA), conta coa intervención de responsables de entidades hidráulicas de distintas administracións públicas, empresas deste sector, operadores e expertos na materia, que avalían o presente e o futuro da xestión da auga en España.
Roi Fernández interveu na primeira mesa de debate, que se centrou na regulación, a planificación e as prioridades neste eido. O director de Augas de Galicia detallou as principais liñas de acción do departamento que dirixe e analizou os retos que marcarán o próximo ciclo da xestión hídrica na Comunidade e en España.
Ademais, tivo a oportunidade de intercambiar experiencias con outros responsables autonómicos que acudiron ao evento en representación dos gobernos de Cataluña, Valencia e Asturias.
O director de Augas de Galicia fixo fincapé en que para acadar unha xestión eficaz da auga, ademais de contar cunhas infraestruturas hidráulicas eficientes, é clave apostar pola gobernanza conxunta. A este respecto, subliñou que a Xunta vén prestando apoio e colaboración aos concellos para establecer unha folla de ruta na que os usos responsables e a toma de decisións sobre a auga contribúan ao crecemento sostible.

