O concello de Nigrán celebra cun pleno infantil sobre igualdade o “Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero”

Redacción

Alumnado dos diferentes centros educativos de Nigrán protagonizaron esta sesión plenaria que rematou coa lectura dun manifesto da ‘Xeración Xa!’ que prestou especial atención á violencia vicaria

O Concello de Nigrán celebrou esta mañá o ‘Día Internacional para a erradicación da violencia de xénero’ cunha sesión plenaria especial que cada mes de novembro corresponde aos nenos e nenas do municipio, nesta ocasión co tema da igualdade de xénero como eixo temático. Así, un total de 14 alumnos procedentes de 8 centros educativos (IES Proval, IES Val Miñor, CEIP da Cruz, CEIP Mallón, Humberto Juanes, CPI Arquitecto Palacios e CEE Juan María) actuaron no Auditorio Municipal como ‘concelleiros’ da localidade coas ediles de Educación e Igualdade, Estela Pérez e Patricia Diego, como interlocutoras por parte do goberno local. A sesión plenaria rematou coa lectura do manifesto do 25-N por parte dunha representación da ‘Xeración Xa!’ (o Consello de Participación Infantil e Xuvenil do Concello) no que puxeron especial atención na violencia vicaria, resumindo a reivindicación das crianzas na frase “Non somos xoguetes, somos persoas e necesitamos amor”.

Este pleno foi tamén o acto central do Concello de Nigrán polo 20-N (Día Mundial da Infancia), mentres que o venres pasado unha delegación da ‘Xeración Xa!’ estivo no Parlamento de Galicia para participar tamén nunha sesión similar con voceiros de consellos de toda a comunidade.

Neste pleno infantil sobre igualdade, a rapazada de Nigrán demandou máis lugares de encontro que favorezan actividades inclusivas ou interxeracionais, ademais de pedirllo ao Concello que continúa programando cine orientado á igualdade ou realizando obradoiros de sexualidade nos colexios (programación que cada ano leva o consistorio aos centros educativos). A maiores, reclamaron que nas casas as tarefas domésticas sexan repartidas entre todo o núcleo familiar ou que se favoreza a instalación de ‘buzóns anónimos’ onde poder denunciar con total seguridade calquera conduta machista.

Comparte este artigo