Adiantándose ao fin do verán, e co curso escolar xa en marcha, a biblioteca municipal de Neda deixa atrás o seu horario estival. A partir deste mércores, 16 de setembro, as instalacións culturais abrirán ao público máis tempo e recuperan a xornada partida de mañá e de tarde.
O espazo de lectura, un dos piares da Casa da Cultura, abrirá de agora en diante, de luns a venres, de 9 a 13 e de 17 a 20 horas. Así pois, como vén sendo habitual, amplía dez horas con respecto ao verán alcanzando as 35 semanais.
Neste intervalo de tempo, tanto a sección infantil como a de adultos estarán dispoñibles para a lectura e estudo e, por suposto, estarán operativos os servizos de préstamo en sala e a domicilio.
Será no mes de outubro cando o centro recupere ademais a súa programación habitual de actividades de dinamización, entre as que cómpre destacar, as reunións do seu club de lectura.

