A Coruña será sede do Campionato de España de Rugby Inclusivo 2026

Redacción

A cidade acollerá o evento como homenaxe ao 50 aniversario do CRAT, co impulso do Concello a través da Fundación Emalcsa

O campionato, que terá lugar o día 20 de xuño, reforza a aposta da Coruña polo deporte como ferramenta de inclusión, convivencia e transformación social

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, e vicepresidenta da Fundación Emalcsa, Nereida Canosa, informou esta mañá de que A Coruña acollerá o Campionato de España de Rugby Inclusivo 2026 o vindeiro 20 de xuño.

O evento, unha das principais citas do deporte inclusivo a nivel estatal, conta co apoio do Concello da Coruña e da Federación Galega de Rugby, e tamén coa valoración favorable da Real Federación Española de Rugby (RFER) tras a candidatura presentada polo club coruñés.

A través deste acordo, sustentado grazas a un convenio subscrito entre a Fundación Emalcsa e o CRAT, o Concello reforza a súa aposta polo deporte como ferramenta de inclusión, convivencia e transformación social, e consolida unha liña de traballo que desdehai máis dunha década promove iniciativas deportivas con impacto social na cidade.

Na rolda de prensa desta mañá, Nereida Canosa puxo en valor a historia, percorrido e implicación do CRAT, “un club vencellado á cidade desde a súa fundación, que contribuíu de maneira decisiva ao crecemento do rugby na Coruña e que mantén un compromiso constante cos valores que están detrás deste evento: o respecto, o esforzo compartido, o apoio mutuo e o sentido de pertenza a un equipo”.

A edila, acompañada hoxe polo presidente do CRAT, Aurelio de Tena, polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez e por membros da directiva do club coruñés, fixo fincapé no encaixe natural deste campionato nunha das liñas estratéxicas da Fundación Emalcsa —representada hoxe pola súa presidenta, Bettina Kohlhaas—, o deporte solidario e inclusivo. “É unha aposta que vimos sostendo desde hai máis dunha década a través da nosa convocatoria anual, na que colaboran numerosos clubs coruñeses que traballan man a man co tecido social da cidade”, precisou Canosa, quen tamén agradeceu o apoioincondicional de Gadis a este programa.

O campionato terá lugar na Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias

O Campionato de España de Rugby Inclusivo converterá A Coruña na sede estatal de referencia desta modalidade deportiva, e reunirá, previsiblemente, doce equipos de toda España nunha programación que combinará competición, actividades de convivencia e accións de sensibilización arredor da accesibilidade e da diversidade.

A competición desenvolverase na Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias e permitirá poñer en valor o deporte baseado na participación compartida de persoas con e sen discapacidade, nun formato que promove o respecto, a cooperación e a igualdade deoportunidades dentro e fóra do campo.

A elección da Coruña como sede responde tanto á traxectoria da cidade no impulso de políticas vinculadas ao deporte inclusivo como ao traballo desenvolvido polo CRAT e polo seu equipo inclusivo, CRAT SHARKS, primeiro equipo de rugby inclusivo de Galicia e referente autonómico e estatal desde que foi creado no ano 2021.

A celebración deste campionato coincidirá, ademais, co inicio dos actos de conmemoración do 50 aniversario do CRAT, fundado en outubro de 1976. Ao longo destas cinco décadas, oclub consolidouse como unha das entidades históricas do rugby galego e destacou polo seu compromiso coa integración, a diversidade, o deporte feminino e a transmisión dos valores propios do rugby, como o respecto, a solidariedade, a disciplina e o traballo en equipo.

Con esta iniciativa, o Goberno de Inés Rey continúa traballando xunto ás asociacións, clubs e entidades da cidade para fortalecer o posicionamento da Coruña como cidade comprometida coa inclusión e coa organización de grandes eventos deportivos con impacto social, e consolida un modelo no que accesibilidade, convivencia e participación forman parte central da vida comunitaria.

Comparte este artigo