O certame, impulsado por divulgadoras galegas e con apoio institucional, promove a divulgación científica en galego mesturando rigor, emoción e humor
A cidade da Coruña converterase novamente nun punto de encontro para a divulgación científica coa celebración da final do concurso “Ciencia Calidade”, que terá lugar o vindeiro sábado 8 de novembro ás 18.30 horas na Domus.
Este certame de monólogos científicos en galego está promovido polas divulgadoras Andrea Muras e Eva Cabanelas, co apoio da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgacción), e conta coa colaboración do Concello da Coruña.
Durante a final, as persoas participantes presentarán en directo as súas pezas orixinais, de ata tres minutos de duración, combinando coñecemento científico con humor, emoción e creatividade. O obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía dun xeito accesible, atractivo e en lingua galega.
O acceso ao evento será gratuíto mediante invitación, que poderá descargarse a través da seguinte ligazón Ciencia Calidade 2025 (IV edición) a partir do venres 24 de outubro.
“A Coruña é unha cidade que aposta pola ciencia, pola cultura e pola lingua galega. Apoiar iniciativas como Ciencia Calidade encaixa co noso modelo de cidade: aberta, creativa e con vocación divulgadora”, destacou o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro.
O Goberno local continúa así a impulsar a cultura científica e a innovación como ferramentas para achegar o coñecemento aos distintos públicos, apostando pola difusión do saber en formatos próximos e participativos. Esta final é unha oportunidade para visibilizar o talento galego e fomentar a curiosidade científica desde a diversidade e a lingua propia.



