A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu este xoves a Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, na que tamén participaron representantes da Subdelegación do Goberno, entidades sociais, feministas, da avogacía, da Universidade, forzas de seguridade, profesionais dos servizos sociais, sanitarios e membros da corporación municipal co obxectivo de mellorar a atención ás vítimas e incrementar a prevención.
Na xuntanza analizáronse as cifras que manexan as distintas entidades a respecto da incidencia da violencia de xénero e que, en grandes liñas, indican tanto un incremento de denuncias policiais como de consultas no CIM durante o último período. Ante estes datos, a Mesa acordou reforzar a sensiblización entre a poboación máis nova e convocar os dous grupos de traballo, o de “prevención e educación en valores de Igualdade” e o de “coordinación das intervencións e seguimento de casos”.
O obxectivo é traballar activamente coa mocidade posto que, segundo a memoria do CIM de Santiago de Compostela, séguese detectando que as mulleres comprendidas na franxa de idade entre os 17 e os 25 anos son as que menos utilizan os recursos municipais. Mentres que na franxa de persoas maiores de 65 anos, que era a outra das franxas que menos se dirixían ao CIM en períodos anteriores, si se detectou un lixeiro incremento das consultas nos últimos meses.
No relativo á sensibilización entre a xente moza, acordouse intensificar as accións no marco do ámbito educativo, e realizar material de difusión específico para este segmento de idade.
Atendendo aos informes do CIM, desde o ano 2023 aumentou un 26.97% o número de persoas atendidas nos servizos municipais de Igualdade e a maior porcentaxe das persoas atendidas corresponde a mulleres entre 26 a 45 anos de idade, seguido das persoas entre 46 e 64 anos. En concreto, o 85,23% das persoas atendidas no último ano teñen entre 26 e 64 anos.
A maior parte da poboación atendida desde Igualdade-CIM, son mulleres con problemática de violencia de xénero por parte da parella ou ex-parella, mulleres que inician proceso de separación, divorcio ou trámite de garda e custodia, ou familias ou persoas que presentan dificultades nas súas relacións persoais e familiares. Ademais obsérvase que a violencia de xénero segue a ser o principal factor de risco que dificulta de maneira moi significativa o desenvolvemento persoal das mulleres atendidas.

