A mostra ‘José Suárez, vida e obra’ chega á Coruña cunha retrospectiva do recoñecido fotógrafo

Redacción

A mostra está composta de 16 paneis coas mellores imaxes tomadas polo considerado fotógrafo galego máis internacional

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu o acto de apertura da mostra ‘José Suárez, vida e obra’, organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes para conmemorar ao fotógrafo, recoñecido este ano no Día das Artes Galegas. A exposición, situada na contorna da praza de Lugo, poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xuño.

“O Goberno de Inés Rey quere achegar á cidadanía as grandes figuras da cultura galega e a inconfundible obra de José Suárez tiña que facer parada na Coruña”, indicou Castro. Nado en Allariz en 1902, cunha traxectoria marcada pola vangarda e polo exilio, José Suárez estaba dotado dunha sólida formación intelectual e dun pensamento liberal. Relacionouse con figuras destacadas da cultura española como Unamuno, Blanco Amor, Seoane ou Alberc, así como da internacional como Akira Kurosawa.

A súa obra fotográfica, influída pola Nova Obxectivade, caracterízase por unha mirada moderna, reflexiva e centrada na figura humana, afastada do folclorismo e próxima ás correntes europeas máis innovadoras. A súa figura, complexa e sensible, consolidouse como unha das máis relevantes da fotografía galega e como un referente artístico de dimensión internacional.

Por todo o cal, a Academia, en colaboración co Concello, organiza unha exposición que forma parte dos actos de celebración en homenaxe ao fotógrafo José Suárez. É unha mostra itinerante para espazos públicos ao aire libre, que a través de fotografías, textos e un deseño coidado, reflicte a obra do artista, poñendo en valor a súa creatividade.

A mostra, está composta por 16 paneis nos que se inclúen textos de Luis Seoane, Blanco Amor, Manuel Sendon, Xose Luis Suarez Canal, Domingo Garcia Sabell, Miguel De Unamuno, Jose Bergamin, Juan Manuel Bonet, Rafael Alberti, Publio Lopez Mondejar, Carlos Casares ou Lois Tobío.
‘Praias galegas, retrato de verán’, mostra de Jimmy Burque na Casa Museo María Pita Por outra banda, a Casa Museo María Pita acolle desde hoxe a mostra ‘Praias galegas, retrato de verán’, do artista coruñés Jimmy Burque. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto de apertura, reafirmando “a firme vontade do Goberno de Inés Rey de amosar o talento artístico local”. A mostra permanecerá aberta, con entrada de balde, ata o 25 de xullo.

O artista coruñés Jimmy Burque consolídase como unha das voces emerxentes da pintura contemporánea galega cunha obra marcada pola intensidade cromática, a memoria persoal e a profunda conexión coa paisaxe atlántica. “A Coruña é unha cidade creadora, que inspira, e ten a fortuna de contar con artistas capaces de transformar a nosa paisaxe cotiá nunha experiencia estética e emocional. Jimmy Burque é un magnífico exemplo disto”, sinalou Gonzalo Castro.

Aínda que a súa traxectoria profesional estivo inicialmente ligada ao ámbito da psicoloxía/psiquiatría, foi a partir dos últimos anos, especialmente tras a pandemia, cando desenvolveu con maior intensidade a súa faceta artística. Desde entón, integra a súa práctica pictórica no tecido cultural galego, formando parte da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA) e participando en diversas exposicións.

A súa pintura caracterízase por un estilo próximo ao impresionismo e postimpresionismo, no que destacan o uso de cores vibrantes, a pincelada solta e a atención aos cambios de luz e ás sensacións do entorno. Máis alá da representación fiel da realidade, o artista busca transmitir a súa propia percepción emocional dos espazos, convertendo cada obra nunha interpretación persoal e sensorial do mundo.

A través dos seus cadros consegue capturar a riqueza cambiante da luz, das cores e das atmosferas que definen o litoral coruñés. Coa mostra “Praias galegas, retrato do verán” recolle diferentes puntos da costa galega. Nesta colección, o artista non só reproduce paisaxes, senón que trata de captar as sensacións propias do verán, como a luz, o lecer, a convivencia ou os recordos compartidos. Unha proposta de percorrido inmersivo a través da pintura, a palabra e o son. Cada obra convértese nunha experiencia sensorial acompañada de narracións sonoras en galego, inglés e castelán, accesibles mediante códigos QR, xunto co son do mar e das paisaxes atlánticas.

Comparte este artigo