· Terá lugar o domingo, 19 de abril, a partir das 18.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán
A Pobra do Caramiñal conmemorará o vindeiro domingo, 19 de abril, o Día Internacional da Danza cun evento aberto ao público que terá lugar ás 18.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán. En caso de mal tempo, a actividade trasladarase ao colexio Salustiano Rey Eiras (Banda Seca).
Esta iniciativa, de carácter gratuíto, forma parte do programa ‘Compromiso co Baile’, impulsado polo Taller Alecrin co obxectivo de promover a participación cidadá e achegar a danza a todos os públicos.
O evento presentarase como unha mostra de linedance e baile social en formato de clase aberta, na que participarán os alumnos e alumnas dos obradoiros do Taller Alecrín. Ao longo da tarde, o público poderá gozar de coreografías de diferentes estilos como Swing, Country, Bachata, Merengue, Cha-cha-chá, Soul, Disco e Funky.
Durante a presentación da actividade, o director do Taller Alecrín, Francisco Muñiz, avanzou que haberá “máis dunha sorpresa para enriquecer esta actividade” e explicou que “Compromiso co Baile é a nosa particular homenaxe ao Día Internacional da Danza, sumándonos ás celebracións que se realizan a nivel mundial”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, animou “a todos os veciños e veciñas a achegarse a participar nesta xornada e gozar dun medio de expresión tan fermoso como o é a danza”.

